Aínda non acabamos de pasar o tempo de lecer e comelladas do Nadal e Reis e xa temos marcadas no calendario dúas novas datas… de lecer e comelladas. E é que en cousa de días, o sábado 24 de xaneiro, Ferreira de Abaixo honrará a San Vicente cun programa que combinará música e cousa de comer e xusto unha semana despois, o sábado 31, será a veciñanza de Igrexafeita quen nos anticipe as esmorgas de Entroido cun cocido que terá lugar por razón de espazo no local social de Espiñaredo. Para o San Vicente só hai que achegarse por Ferreira de Abaixo cando chegue o día, pero para o cocido de Igrexafeita hai que ir anotándose xa.
Empezamos polo evento que nos queda máis próximo, o San Vicente, organizado pola comisión de festas do San Paio. O santo que segundo a tradición escapaba todas as noites durmir ao pico d Ferreira -e por iso está encadeado na igrexa- é o máis madrugador do ano.
A xornada arrancará ás 13:00h con misa na igrexa parroquial, seguida da correspondente traca de fogos e, a partir das 14:00h, da sesión vermú animada por Dúo de Estrellas na explanada do local social da Seara, onde haberá instalada unha grande carpa. Á noitiña -20:30h- a troula volverá outra vez co Dúo Estrellas, que alternará pases co Dúo JM. Serviranse liscos, bolas da sartén, patacas, pan e chourizos ao prezo de 10€.
Por outra banda, a comisión do Biscordel 2026 empeza o sábado 31 as actividades para recadar fondos de cara á organización da patroa do mes de setembro. Así, o local social de Espiñaredo acollerá unha festa de Entroido que xuntará os dous ingredientes básicos que cabería agardar desta celebración: máscaras e boa mesa.
A xente poderá ir achegándose a partir das 18:00h xa que haberá un concurso de disfraces para a cativería animado con música -os premios entréganse ás 20:00h-. Ás 21:30h servirase a cea: sopa de cocido, cocido, bebida, sobremesa -orellas, freixós, etc.-, café e un chupiño. O prezo son 30€ as persoas adultas, 15€ a rapazada de 7 a 12 anos e de balde para as crianzas menores de 7.
O último día para anotarse é o 25 de xaneiro a través dos teléfonos 669 915 518, 603 419 473 ou 623 002 011. Durante a noite tamén haberá música ao vivo, sorteos e un concurso de máscaras para persoas adultas (00:30h).




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.