Thursday 15 de January de 2026

O Concello de Muxía pon en marcha o programa ACTIVA-T 2026 para fomentar o envellecemento activo


  • O Concello de Muxía presenta unha nova edición do programa ACTIVA-T 2026, unha iniciativa dirixida a persoas maiores de 65 anos e cofinanciada pola Deputación da Coruña, que ten como obxectivo principal promover o envellecemento activo, a participación social e o benestar da veciñanza.

Tal e como explica a concelleira de Servizos Sociais e Integración Social, Sofía López Simón, “ACTIVA-T é un programa fundamental para achegar actividades ás nosas persoas maiores, non só no núcleo urbano senón tamén nas parroquias, garantindo a igualdade de oportunidades e fomentando a participación activa”.

O programa desenvolverase en parroquias como Os Muíños, Quintáns, Nemiña, Suxo, Senande, entre outras, levando actividades a distintos puntos do concello.

Tras a boa acollida da pasada edición, repítese o obradoiro de xardinería, unha actividade creada polo novo goberno municipal o ano pasado e que acadou un notable éxito entre as persoas participantes.

Como principal novidade desta edición, e atendendo a unha demanda reiterada pola veciñanza, incorpórase o obradoiro de debuxo, promovido dende a Consellería de Política Social, ampliando así a oferta de actividades culturais e creativas.

O prazo de inscrición comeza mañá, día 15 de xaneiro, e as clases darán comezo o 1 de febreiro. Ao longo do ano manteranse tamén actividades xa consolidadas como o curso de memoria, a ximnasia, así como futuros obradoiros de xardinería e manualidades.

Pola súa banda, o alcalde de Muxía, Javier Sar, destacou que “este programa reflicte o compromiso do Concello co benestar das persoas maiores, apostando por políticas sociais que melloran a súa calidade de vida e reforzan o tecido social do noso municipio”.

Deja un comentario