O Concello xa sinalizou os distintos puntos de encontro para os pequenos e a ANPA Carboeiro coordinará ás familias voluntarias
O Concello de Oroso, o CEIP do Camiño Inglés e a ANPA Carboeiro porán en marcha o proxecto “Caraocole”, un proxecto de educación viaria que pretende que os rapaces e rapazas poidan acudir ao colexio de forma autónoma e con total seguridade a través dun camiño escolar. Un primeiro camiño no que participarán mañá martes os concelleiros de Ensino, Beatriz Rodeiro, e Seguridade Viaria, Antonio Leira, canda membros da comunidade escolar orosá.
Tras unha primeira reunión coa comunidade educativa, o Concello de Oroso marcou un itinerario dende a rúa do Portiño ata o CEIP do Camiño Inglés. Así mesmo, o Concello instalou unhas placas distintivas para sinalizar os distintos puntos de encontro de onde partirán os rapaces e rapazas a unhas horas concretas: ás 8:45 do inicio da rúa do Portiño, ás 8:55 preto do cruce coa N-550, ás 9:00 horas no inicio da rúa Xuncal e ás 9:05 diante da Aula da Xuventude. Para a supervisión dos pequenos contarase coa colaboración de pais e nais, organizados a través da ANPA Carboeiro, e da Policía Local de Oroso.