— A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visita as instalacións da empresa en Arteixo cun grupo de estudantes de centros de toda Galicia
— Participan na resolución deste reto estudantes dos centros integrados de FP Ánxel Casal-Monte Alto, Someso, Politécnico de Santiago, Porta da Auga e A Xunqueira
— A actividade constitúe o primeiro contacto directo entre o alumnado participante e o equipo técnico da compañía para afondar nos detalles do desafío
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá as instalacións da empresa Gestán Medioambiental, en Arteixo, xunto con estudantes procedentes de centros de toda Galicia participantes na terceira edición de Innovatech FP. O obxectivo foi coñecer de primeira man o reto proposto por esta compañía no marco deste certame, baixo o nome Solucións circulares para a valorización de residuos complexos.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou a importancia destas visitas a empresas como oportunidades de aprendizaxe activa e contacto directo coas necesidades da industria galega. Puxo, ademais, en valor o programa Innovatech FP como “un exemplo de como a Formación Profesional pode responder aos desafíos do presente e do futuro, involucrando ao alumnado en solucións útiles para a sociedade e para o tecido produtivo”.
Esta actividade marca o primeiro contacto directo entre o alumnado participante e o equipo técnico de Gestán para afondar nos detalles do desafío e resolver cuestións clave para o desenvolvemento das súas solucións. O reto proposto céntrase na valorización de residuos complexos –como plásticos multicapa ou mesturas non homoxéneas– mediante a súa transformación en novos produtos ou aplicacións industriais, contribuíndo á economía circular e á redución do impacto ambiental. Esta é, ademais, a segunda edición consecutiva na que Gestán participa como empresa colaboradora, reforzando así o seu compromiso coa innovación e coa FP galega.
Participan na resolución deste reto estudantes dos centros integrados de FP Ánxel Casal-Monte Alto (A Coruña), Someso (A Coruña), Politécnico (Santiago de Compostela), Porta da Auga (Ribadeo) e A Xunqueira (Pontevedra).
Visitas técnicas e formación
Innovatech FP é un programa da Xunta de Galicia para impulsar a conexión entre a FP galega e o tecido produtivo mediante a resolución de desafíos tecnolóxicos e ambientais reais. Nesta terceira edición implica máis de 1.000 estudantes, organizados en máis de 250 equipos de centros educativos de toda Galicia.
Estes días, o programa avanza en paralelo por distintos puntos da Comunidade, combinando as visitas técnicas a empresas colaboradoras, como a de hoxe en Gestán, co desenvolvemento de 13 sesións de formación en Design Thinking en oito cidades galegas. Esta formación proporciona ao alumnado participante as ferramentas metodolóxicas necesarias para abordar os retos con creatividade, claridade e orientación á solución.
As visitas a empresas son unha peza clave do programa. Permiten ao alumnado coñecer os contornos reais nos que se aplicarán as súas propostas, dialogar con profesionais en activo e afondar no problema desde dentro. Son, xunto coa formación metodolóxica, un dos elementos que fan deste programa unha experiencia formativa única no ámbito da FP galega.
Desde o seu lanzamento, Innovatech FP ten demostrado un alto nivel de impacto. Na súa primeira edición, un dos proxectos participantes deu lugar á creación dunha empresa; na segunda, outro equipo acadou o rexistro oficial dunha patente, un fito pioneiro na Formación Profesional galega. Ademais, varios proxectos continúan actualmente en fase de desenvolvemento, acompañados polo Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, que coordina o programa, para a súa posible implantación industrial ou comercial.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.