• A ONG Mestura alerta de que o Concello tampouco abonou as axudas ás asociacións, obrigándoas a adiantar gastos para poder sobrevivir
• Izaskun García: “Os clubs e as asociacións non están sós. O PP vai defender con feitos fronte á desidia e a improvisación deste goberno”
CullO Partido Popular de Culleredo denuncia que o inicio de 2026 confirma o colapso absoluto na xestión das subvencións municipais e o abandono sistemático por parte do goberno local do tecido asociativo, un dos piares fundamentais da vida social, deportiva e comunitaria do concello.
Á grave situación denunciada polo Club Balonmán Culleredo –que, a través dun correo remitido aos grupos municipais, alerta de que continúa sen cobrar preto de 40.000 euros correspondentes a axudas municipais de 2024 e 2025– súmase agora a denuncia da ONG Mestura. Ambas as entidades coinciden en sinalar o mesmo: o Concello non cumpre, non paga e obriga a clubs e asociacións a adiantar diñeiro para poder seguir funcionando.
No caso do Balonmán Culleredo, as subvencións seguen pendentes pese ao compromiso expreso do alcalde, José Ramón Rioboo, de abonalas antes de que finalizase 2025. No ámbito social, Mestura advirte de que as axudas destinadas a asociacións sen ánimo de lucro para actividades desenvolvidas entre decembro de 2022 e decembro de 2024 continúan sen pagarse, a pesar de que as entidades cumpriron cos requisitos e prazos de xustificación.
A contía global destas axudas ascende a preto de 200.000 euros, solicitadas por 36 entidades para cubrir gastos básicos como actividades, proxectos, persoal, subministracións ou xestión administrativa. No caso concreto de Mestura, a subvención concedida foi de 4.500 euros, cantidade que a entidade tivo que adiantar con recursos propios. “Isto non é un caso illado: é unha forma de gobernar que castiga sempre aos mesmos, a quen fai comunidade cada día”, denuncia a portavoz popular, Izaskun García.
García critica ademais que, lonxe de asumir responsabilidades, Rioboo siga negando a realidade e atacando á oposición, acusándoa de difundir “falsidades”. “Se o procedemento vai tan rápido como di o alcalde, como se explica que esteamos en 2026 e haxa clubs e asociacións que aínda non viron un euro? Está a mentir o Club Balonmán Culleredo cando nos traslada por escrito que a situación é insostible?”, pregunta. E engade: “Aquí o único problema é un alcalde máis preocupado por desacreditar que por pagar”.
O PP de Culleredo subliña que este abandono esténdese tamén ás asociacións de veciños, que levan anos sen unha liña de axudas estable, a pesar do labor esencial que realizan en barrios e parroquias. “Culleredo non pode permitirse perder o seu tecido asociativo pola incapacidade do seu goberno”, advirte García.
Por todo iso, o PP esixe a execución inmediata do plan anual de subvencións municipais, un sistema estable que permita a clubs e entidades planificar a súa actividade sen vivir nunha incerteza permanente, que foi proposto polo Partido Popular e aprobado en pleno en 2023. “Desde entón reclamámolo unha e outra vez. Rioboo non só incumpre pagando tarde e mal, senón que tamén incumpre os acordos do pleno”, denuncia. García insiste en que “os clubs, as asociacións e quen sostén a vida social de Culleredo deben saber que non están sós”. Así, asegura que “o PP os vai a seguir defendendo con feitos fronte á desidia e improvisación deste goberno”. “Cando gobernemos garantiremos que o Concello cumpra”, engade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.