Wednesday 14 de January de 2026

O Craega e a Consellería do Mar asinaron un novo convenio de colaboración


A conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, e o presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), Francisco López Valladares, reuníronse esta mañá na sede do Craega, en Lugo, para a sinatura dun novo convenio de colaboración.
Esta acordo inclúe unha subvención nominativa de 25.000 euros destinada a apoiar os custos de certificación e control das producións acuícolas ecolóxicas e de recolleita de algas. Así mesmo, o convenio permitirá impulsar a certificación de fábricas conserveiras, de manipulación e envasado de algas e mexillóns, así como doutras empresas dedicadas á elaboración de produtos con algas e mexillóns, como empanadas, produtos de cuarta gama ou outras elaboracións.
Durante o acto, Marta Villaverde declarou que “levamos varios anos colaborando co Craega para dar cobertura e promocionar un produto que é demandado por un sector moi importante dos consumidores”. Así mesmo, Francisco López Valladares deulle as grazas á Consellería do Mar pola axuda prestada para certificar os produtos de acuicultura ecolóxica, e engadiu que “representan unha parte moi importante do Craega. É un sector crucial para nós e Galicia é pioneira na certificación ecolóxica de produtos do mar”.

Deja un comentario