Sandra Permuy visitou o estaleiro xunto cos deputados Néstor Rego e Mon Fernández para coñecer as transformacións do estaleiro para a eólica mariña
O goberno local e os representantes institucionais mantiveron tamén un encontro cos representantes sindicais e reclaman novas infraestruturas así como potenciar a área de reparacións
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, realizou unha visita institucional ás instalacións de Navantia Fene acompañada polos deputados do BNG no Congreso, Néstor Rego, e no Parlamento de Galicia, Mon Fernández. A visita, solicitada pola propia alcaldesa, tivo como obxectivo coñecer de primeira man o resultado das transformacións levadas a cabo no estaleiro para adaptarse ao novo negocio da eólica mariña.
Durante o percorrido polas instalacións, puideron comprobar os cambios realizados nos últimos anos para dar resposta ás novas demandas industriais vinculadas á construción de estruturas para parques eólicos mariños, un sector estratéxico no que Navantia Fene tense posicionado como referente.
Posteriormente, Sandra Permuy, Néstor Rego e Mon Fernández mantiveron tamén un encontro no Concello con representantes sindicais das empresas auxiliares do estaleiro, aos que escoitaron as súas inquedanzas e demandas de cara ao futuro inmediato do sector.
Na reunión, os sindicatos trasladaron a súa fonda preocupación pola diminución da carga de traballo prevista no ámbito da eólica mariña nos próximos meses, advertindo da posibilidade dun parón temporal na actividade. Ao mesmo tempo, puxeron sobre a mesa a necesidade de diversificar e reforzar as liñas de negocio do estaleiro, apostando con máis decisión pola área das reparacións navais, un ámbito no que existe persoal cualificado e capacidade técnica.
Neste sentido, os representantes sindicais defenderon a construción dun dique cuberto para novas construcións de buques e dun novo dique de grandes dimensións en Fene destinado á área de reparacións, subliñando que as instalacións do estaleiro fenés reúnen condicións idóneas para acoller este tipo de infraestrutura. Segundo indicaron, a ausencia destes diques está a provocar que Navantia perda importantes oportunidades de negocio vinculadas á transformación e reparación de grandes buques.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou tras o encontro que “o estaleiro de Fene ten que ser unha empresa completa, con capacidade para afrontar distintos tipos de proxectos, non só vinculados á eólica mariña, senón tamén á construción naval e ás reparacións, que son liñas estratéxicas para garantir carga de traballo estable e emprego de calidade”.
Permuy subliñou que “Fene non pode resignarse a depender dun único sector. A diversificación é clave para asegurar o futuro do estaleiro e de toda a súa contorna industrial”, e engadiu que “é fundamental que as administracións e a propia empresa aposten por dotar a Navantia Fene das infraestruturas necesarias para competir en igualdade de condicións noutros ámbitos nos que hai mercado e demanda real”.
A alcaldesa agradeceu a implicación de Néstor Rego e Mon Fernández na defensa dos intereses de Fene e do seu tecido industrial, e comprometeuse a seguir trasladando estas demandas “alí onde faga falta, porque estamos a falar do futuro económico, laboral e social do noso concello”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.