Wednesday 14 de January de 2026

O pleno aproba por unanimidade o destino dos Fondos do POS+ ADICIONAL 2026


Financiaranse programas municipais e estudos de carácter social, así como equipamento informático e mobiliario para o departamento de Servizos Sociais.

O Pleno reuniuse hoxe en sesión extraordinaria para abordar, como único punto da Orde do Día, a proposta do Goberno local relativa á participación do Concello no POS+ Adicional 2026 para gastos sociais extraordinarios e o destino dos fondos, que foi aprobada por unanimidade dos tres grupos municipais.
O Concello percibirá un total de 118.354,15 euros a través dese programa da Deputación da Coruña cos que financiará gasto corrente e investimentos.
O apartado máis amplo é o do gasto corrente, que ascende a 96.372,54 euros. Isto permitirá ampliar a dotación do fondo de emerxencia social, cubrir parte da achega municipal ao servizo de axuda no fogar e financiar programas de carácter social como A memoria da Laracha dirixido á prevención da soidade non desexada, Educa en positivo que é complementario de educación e apoio familiar e A Laracha acolle de alfabetización para persoas inmigrantes, así como a elaboración de estudos sobre o benestar emocional e a saúde mental da infancia e a adolescencia do municipio e de diagnose sobre a soidade non desexada, incluíndo a programación de actividades para abordar dita problemática.
No apartado de investimentos, a cantidade de 21.981,61 euros destinaranse á adquisición de equipamentos informáticos e mobiliario que faciliten e melloren a xestión do persoal municipal adscrito ao departamento de Servizos Sociais.
O alcalde, José Manuel López Varela, considera que os fondos do POS+ Adicional van a “programas necesarios que atenden a cuestións relativas á xuventude e a un apartado potente como o da soidade non desexada, que require de políticas específicas para resolver a problemática dese colectivo”.

Deja un comentario