Wednesday 14 de January de 2026

O concello e Axober analizan novas vías de colaboración en materias de emprego, industria e formación


Especialmente vinculadas ao Programa Integrado de Emprego, así como á bolsa de emprego do Concello.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, e a axente municipal de desenvolvemento local, Ana Carmen Jiménez, mantiveron unha nova reunión no Edificio Administrativo con representantes da Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) co obxectivo de afondar en novas fórmulas de colaboración entre ambas entidades e de dar continuidade e reforzar a cooperación institucional en ámbitos estratéxicos para o desenvolvemento económico do municipio. Por parte de Axober asistiron á xuntanza o seu presidente, Diego Iglesias, a vogal Lucía Graña e a administrativa Kely Villar.
Durante o encontro analizáronse posibles liñas de traballo conxunto, especialmente vinculadas ao Programa Integrado de Emprego e á bolsa de emprego do Concello como ferramentas chave para facilitar a inserción laboral e dar resposta ás necesidades reais do tecido empresarial local.
Outro dos asuntos abordados foi a posibilidade de organizar ao longo deste ano un gran evento empresarial na Laracha que implique a distintos sectores económicos coa finalidade de fomentar o networking, a visibilidade das empresas e a dinamización da actividade económica no municipio.
No ámbito da formación púxose en valor a colaboración que Axober está a manter cos novos cursos de Formación Profesional implantados na Laracha, sempre en coordinación co IES Agra de Leborís e a Xunta de Galicia. A través desta iniciativa, alumnado dos ciclos formativos está a realizar visitas a empresas para coñecer de primeira man o seu funcionamento e a realidade do mundo laboral, unha experiencia que se pretende seguir desenvolvendo en pequenas e medianas empresas situadas no termo municipal da Laracha.
Desde o Concello valorouse moi positivamente a implicación de Axober nestas iniciativas e a súa disposición a colaborar de maneira activa no impulso do emprego, da formación e do emprendemento. Pola súa parte, a asociación trasladou a súa vontade de continuar traballando tanto na Laracha como no conxunto da comarca de Bergantiños, reforzando a cooperación público-privada como vía para xerar novas oportunidades.
Na web de Axober (www.axober.org) pódese ampliar información sobre a actividade da entidade.

Deja un comentario