A alcaldesa participa na presentación Informe Socioeconómico Anual do Eixo Atlántico 2024, que ofrece unha fotografía analítica da economía de Galicia e do Norte de Portugal e reforza o papel dos concellos no desenvolvemento económico e na seguridade alimentaria
O Eixo Atlántico presentou esta mañá o Informe Socioeconómico Anual 2024, nun acto celebrado na sede do Consello Económico e Social (CES) de Santiago de Compostela, no que participou a rexedora compostelá, Goretti Sanmartín. O informe foi elaborado por Fernando González Laxe, catedrático emérito de Economía Aplicada na Universidade da Coruña e expresidente da Xunta de Galicia; e Arlindo Cunha, catedrático de Economía da Universidade Católica do Porto, quen tamén foi ministrode Agricultura no goberno de Cavaco Silva e ministro das Cidades no goberno de Durão Barroso.
A alcaldesa destacou que “os concellos teñen un papel clave á hora de construír seguridade alimentaria desde o local” no marco dos “circuítos curtos de alimentación e as canles directas entre produtoras e produtores e as persoas consumidoras”. “Os concellos temos ferramentas para garantir esa seguridade alimentaria. A forma de mercar e abastecernos é tamén unha maneira de posicionarnos e de apostar por un modelo máis xusto e próximo”, sinalou.
A rexedora defendeu que “non se trata de pecharse ao mundo, senón de reducir riscos e de que unha parte esencial do abastecemento se constrúa desde o territorio”, para o cal considerou imprescindible incorporar as mulleres, que continúan sendo fundamentais no sector rural e en todo o proceso. “Hai que apoialas pola igualdade e polo relevo xeracional”, engadiu.
Fotografía analítica da economía da eurorrexión
Este informe socioeconómico constitúe unha fotografía analítica conxunta da economía da eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, realizada desde a perspectiva das cidades que conforman o sistema urbano do Eixo Atlántico. O documento ofrece unha visión integrada da evolución económica, social e territorial, poñendo en valor o papel dos concellos como motor de desenvolvemento. O seu obxectivo é proporcionar a responsables municipais e axentes económicos e sociais ferramentas de análise que faciliten o deseño de políticas de promoción económica desde o ámbito local, con especial atención a sectores estratéxicos como o solo industrial, a produción, a exportación, a loxística e o transporte.
Un dos eixos centrais do informe é a alimentación e a seguridade alimentaria, unha prioridade estratéxica da Unión Europea que adquiriu maior relevancia tras a crise da COVID-19 e as recentes tensións xeopolíticas. Neste ámbito, o estudo destaca o papel clave dos concellos, tanto en contornas urbanas como rurais, a través de iniciativas como hortos urbanos, mercados de produtores e feiras de produtos locais, que reforzan a economía de proximidade e a resiliencia do sistema alimentario.
O informe subliña especialmente a importancia da acción municipalnos territorios rurais, onde estas iniciativas contribúen de forma directaa mellorar os ingresos dos produtores e a valorizar a produción local e a súa estacionalidade. Así mesmo, sinalaa necesidade de avanzar cara unha maior organización da produción local, especialmente en territorios caracterizados pola pequena propiedade, como Galiciae o Norte de Portugal, promovendo o papel das cooperativas e organizacións de produtores.
Entre as propostas destacadas, o estudo propón o impulso de circuítos curtos de abastecemento alimentario, o subministramento de produtos locais a comedores públicos e entidades sociais, e a incorporación progresiva do comercio minorista local, acompañadas de apoio técnico aos agricultores para garantira regularidade da produción e o cumprimento da normativa europea, con financiamento a través dos programas PEPAC de Portugal e de España.
Fernando González Laxe, autor do informe, sinalou que o consumo está marcado por novas formas de vida e por consumidores cada vez máis informados, responsables e orientados á personalización dos produtos. Destacou tamén a aceleración dos ritmos sociais e a crecente importancia do tempo libre, así como os cambios no mundo laboral, coa maior incorporación das mulleres. Ademais, subliñou unha maior sensibilidade cara á saúde e ao benestar e un compromiso crecente coa sustentabilidade, diferenciando cada vez máis entre produtos naturais e artificiais.
Engadiu que existen grandes contradicións nos hábitos de consumo: “Pasamos arredor de cinco horas diarias nas redes sociais mentres descende o gasto destinado a alimentos e bebidas. Non dubidamos en gastar en produtos informáticos, pero si nun produto alimentario local”.
Ademais, Laxe advertiu dun descenso do consumo de peixe en Galicia e Portugal, algo especialmente chamativo nun territorio onde se trata dun sector básico da economía. A poboación galega destina cada vez menos recursos ao consumo de peixe, a pesar da súa importancia, e amosa unha maior atracción polo peixe importado, como o salmón, fronte ao produto local, como a sardiña. Tamén se consome máis peixe conxelado de importación que peixe fresco de proximidade. Segundo explicou, os grupos que máis consumen peixe son aqueles con máis tempo libre, como persoas adultas independentes, maiores, adultos sen fillos e fogares monoparentais.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.