As ofertas poderán presentarse entre os días 15 e 26 de xaneiro
O Concello da Coruña acaba de reabrir o prazo para ocupar os postos baleiros en dous mercados municipais. Tras a recente inauguración do novo mercado de Monte Alto, o pasado 10 de decembro, co traslado dos postos que permanecían activos no mercado provisional e algúns negocios novos que se adxudicaron nunha convocatoria anterior, aínda quedan algúns postos sen ocupar. O renovado mercado está a espertar un grande interese entre os profesionais da alimentación, e está xa a contribuír á dinamización do barrio.
Ademais, existen tamén postos baleiros no mercado municipal de San Agustín. A humanización da zona, os locais comerciais e de hostalería instalados no exterior e as actividades que desde o Concello se organizan e promoven no piso superior do mercado están a xerar un novo tipo de clientela.
Nesta ocasión licítanse 10 postos no mercado de Monte Alto e 11 no mercado de San Agustín, entre os que figuran algúns para realizar actividades como carnicería, froitería ou peixaría e outros abertos ás propostas das persoas solicitantes. Isto permitirá combinar os produtos e negocios máis tradicionais con outros máis modernos, e ampliar a oferta e clientela dos mercados municipais.
As condicións de concesión dos postos nos mercados municipais, tanto a nivel económico como de duración, supoñen unha excelente oportunidade de emprego. As persoas que resulten adxudicatarias poderán explotalos durante un período inicial de 15 anos, con posibilidade de prorrogar outros 10 anos. As ofertas deben presentarse a través da Plataforma de Contratación do Estado a partir do 15 de xaneiro, e finalizará o prazo o día 26.
“Inés Rey inlcuiu entre os obxectivos do mandato rexenerar a rede de mercados municipais.
A recente reapertura do mercado de Monte Alto foi un fito para os residentes do barrio. Agora, con estas licitacións, reforzaremos a oferta de dous puntos estratéxicos para o comercio local”, subliñou Diana Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.