Wednesday 14 de January de 2026

A Pobra vivirá os meses de xaneiro e febreiro sobre as táboas cunha nova edición da súa Mostra de Teatro


· A programación inaugurarase este domingo, 18 de xaneiro, con O caso do cadáver asasinado de Teatro do Asteleiro.

“Queremos seguir ofrecendo aos veciños e veciñas unha programación cultural de calidade, con propostas de distintas disciplinas e ao longo de todo o ano”. Así o manifestou a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, durante a presentación da Mostra de Teatro, un programa que se levará a cabo entre os meses de xaneiro e febreiro no Teatro do Cine Elma. Durante a súa intervención, a edil apuntou a actividade congrega “un amplo número de espectadores edición tras edición, o que confirma o asentamento desta iniciativa”. A primeira función terá lugar este domingo, 18 de xaneiro, con O caso do cadáver asasinado, de Teatro do Asteleiro.

A primeira obra, O caso do cadáver asasinado, está protagonizada polo comisario Puertas, que está a investigar a estraña morte do Marqués de Fonseca no seu domicilio. Ao terse atopado unhas notas manuscritas de suicidio, todo parece estar resolto. Porén, o ambiente existente e as cousas que suceden na casa da vítima fan sospeitar ao investigador. A función farase como parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

A programación continuará unha semana despois, o domingo 25 de xaneiro, con Terapia de grupo, da Asociación Cultural Quemaisten Teatro. A historia está ambientada nunha sala de espera dunha prestixiosa doutora especialista en enfermidades de desorde obsesivo compulsivo. Na función, o público poderá coñecer aos distintos pacientes que chegarán á consulta da médica para ser tratados polas súas respectivas afeccións. A función farase como parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Calendario de febreiro

A Pobra inaugurará o mes de febreiro coa representación de A noiva cadáver, a cargo de Teatro das Maniotas do IES de Brión (domingo, 1 de febreiro). O elenco contará a historia de Emily, que foi asasinada a mans do seu prometido, Lord Barkis. A alma da moza queda atrapada no mundo dos mortos ata que o protagonista, Víctor, casa accidentalmente con ela. Nun xesto de amor incondicional, Víctor decide liberala para poida descansar en paz.

A Mostra de Teatro pecharase o 8 de febreiro con Profetas, de Ítaca Teatro. A función relata a historia dun home e unha muller que se reencontran e tratan de recompoñer as lembranzas do que foi a súa relación: os soños que compartiron, os medos que a truncaron, as ficcións que crearon e as cidades onde se imaxinaron xuntos. A obra conseguiu o 16º Premio Abrente da MIT Ribadavia no ano 2021.

Todas as representacións terán lugar os domingos, ás 19.00 horas no Teatro do Cine Elma. O acceso ás distintas actividades é de balde ata completar a capacidade da instalación municipal.

Deja un comentario