Wednesday 14 de January de 2026

A oficina móbil do DNI achegarase por San Sadurniño o martes 20 de xaneiro


O servizo permite renovar o carné, pero tamén o pasaporte e os certificados electrónicos, ademais de ofrecer a posibilidade de acudir ao domicilio de persoas dependentes

 

O furgón da oficina móbil do DNI da Policía Nacional volverá facer parada en San Sadurniño o vindeiro martes, 20 de xaneiro, para facilitarlle á veciñanza a a renovación do DNI, o pasaporte e incluso os certificados do DNI electrónico. O vehículo permanecerá estacionado na Praza Ramón Díaz Raña en horario de 09:00 a 11:00 horas. As persoas interesadas deberán solicitar cita previa chamando ao Concello, no teléfono 981 490 027, xa que as prazas son limitadas.

A unidade móbil funciona practicamente igual que a oficina situada na rúa San Amaro, en Ferrol, xa que nela podemos facer case os mesmos trámites coa diferenza de non ter que desprazarnos nin tampouco ter que agardar, algo certamente cómodo especialmente para as persoas de maior idade. Así, no furgón da Policía Nacional tramitan a renovación do DNI, a expedición do primeiro DNI para a rapazada, a renovación do pasaporte e tamén a actualización de certificados ou claves do DNI electrónico, cada vez máis necesarios para facer xestións en liña.

No caso da renovación do DNI, será necesario levar o documento caducado, unha foto recente tipo carné e 12 euros en efectivo, xa que a oficina móbil non dispón, por agora, de TPV para cobrar con tarxeta nin tampouco dá a opción de pagar por Bizum. A renovación faise no momento, polo que non é preciso volver outro día, como ocorría antes.

Para facerlle o primeiro carné a unha nena ou neno, fará falla achegar o certificado de nacemento e o volante de empadroamento, que deben solicitarse uns días antes no Concello, ademais da foto carné e os 12 euros en efectivo. Este importe é gratuíto no caso de familias numerosas, sempre que se achegue o xustificante correspondente. A rapazada terá que estar presente -non chega con que levemos só os papeis- na compaña da nai, pai ou persoa titora legal.

Dentro dos trámites que se ofrecen na unidade móbil tamén é posible solicitar un duplicado do DNI por extravío ou roubo. Nestes casos hai que levar copia da denuncia presentada na Garda Civil ou na Policía. Non será necesario achegar foto nin pagar taxa, xa que o documento que se nos vai expedir non é novo, senón unha copia do anterior cos mesmos datos e a mesma vixencia.

En canto ao pasaporte -que é un servizo novo en San Sadurniño-, a renovación require presentar o documento caducado, unha foto carné e aboar a taxa correspondente, que neste caso é de 30 euros (tamén en efectivo).

No furgón da Policía Nacional tamén se poderán renovar os certificados e claves do DNI electrónico, sen necesidade de cambiar o documento físico.

Por último, o servizo móbil incluso ofrece a opción de renovar o DNI no domicilio ou nun centro se se trata de persoas dependentes ou incapacitadas para desprazárense. As familias interesadas poden contactar co Concello para informarse dos requisitos e tramitar a solicitude. Hai que chamar ao 981 490 027 en horario de mañá, mesma vía de contacto para reservar cita previa.

Deja un comentario