• Mantiveron unha reunión co goberno local este luns no que esixiron informes técnicos que avalen unha previsión de ingresos “tan esaxerada”
• Aínda que reiteran a súa vontade de chegar a un acordo critican que non van aprobar un “orzamento inventado, con partidas sobredimensionadas e investimentos que non se chegan a materializar”
As concelleiras non adscritas mantiveron este luns unha reunión co goberno local co obxectivo de iniciar nas vindeiras datas a negociación dos orzamentos para este ano: actualmente están prorrogadas as do 2025 e o goberno local traballa nun borrador do que só se coñecen as partidas macro. Un encontro no que, ademais de abordar os incumprimentos dos acordos anteriores, tamén se abordaron as dúbidas das non adscritas ao respecto dalgunhas das partidas de ingresos previstas nas contas do 2026 e, particularmente, a prevista de multas de tráfico.
Así o explicou este mércores Gonzalo Muíños que cuestionou este incremento que supón un 173% máis do previsto nas contas do 2025. Unha situación ante a que esixiu informes técnicos que avalen unha previsión de ingresos que cualificou de “esaxerada”, engadindo que “non responde a outro criterio que o recaudatorio e que precisará de moitos informes que xustifiquen a súa instalación”.
Neste sentido, aínda agardando por esta documentación, Muíños da por descartada a posibilidade de apoiar as contas con esta previsión, “non imos avalar, de ningún modo, un incremento así na recadación de multas”, toda vez que os datos “non sinalan ningún incremento do número de accidentes nin temos constancia de informes que falen de excesos de velocidade”.
Cifras debuxadas “para que ingresos e gastos cadren”
Non só os 5,6 millóns de euros previstos como ingresos por sancións de tráfico xeran dúbidas nas non adscritas. Xa a semana pasada o propio Muíños declaraba as súas dúbidas con esta e outras partidas como os ingresos previstos por novas licenzas de taxis ou a taxa turística. Lembra que son partidas de ingresos xa previstas nas contas do 2025 e que, finalmente, non se chegaron a materializar.
“Non imos permitir que volva ocorrer un desequilibrio deste tipo” explica Muíños despois de solicitar na reunión deste luns co goberno local un informe económico que acredite que os ingresos previsto pola taxa turística pódense soster, toda vez que a taxa comezou a cobrarse finalmente no mes de outubro, rematada xa a tempada alta. Ademais piden coñecer algún documento oficial que garanta para este ano a ampliación das licenzas de taxis.
As non adscritas recoñecen ter dúbidas sobre as cifras que aparecen no documento de 17 páxinas sobre o que traballan por agora á espera dun borrador de orzamentos: “queremos saber se as cifras debuxadas polo goberno local son ou non pura maquillaxe para que ingresos e gastos cadren”. De feito, mentres non se resolvan as dúbidas neste punto, anuncian que non comezarán a concretar investimentos.
“Imos coa mellor das vontades para chegar a un acordo”
A pesar das críticas, Muíños recalca que as non adscritas teñen “a mellor das vontades” para chegar a un acordo, pero matiza que non van aprobar un “orzamento inventado, con partidas sobredimensionadas e investimentos previstos que non chegan a materializarse”.
Engade en calquera caso que é preciso rematar a revisión dos motivos polos que non se cumpriron algúns dos acordos asinados como a posta en marcha da empresa pública de vivenda e solo así como as licitacións do servizo de centros socioculturais, das obras para a casa dos maiores no Ensanche, o novo complexo deportivo de Santa Marta ou a reforma dos parques infantís en Fontiñas ou Angrois.
Muíños non oculta a súa “sorpresa” pola “lentitude e falta de interese” coa que o goberno local parece afrontar a negociación: “estamos a mediados de xaneiro e aínda non temos un borrador completo, só un pdf de 17 páxinas”, algo que contrasta coas declaracións públicas do goberno local que xa anunciou a súa intención de levar o proxecto de orzamentos ao pleno de febreiro. Unhas intencións, as do goberno local, que non ven realistas desde a oposición: “non creo que estean en condicións de poñer esa data límite”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.