Wednesday 14 de January de 2026

Rueda destaca a nova planta de carbón vexetal de Xeal en Dumbría como exemplo da Galicia industrial e sostible que promove a Xunta


— Resalta o potencial de Galicia para ser un referente no eido das enerxías verdes á vez que se garante a conservación do medio ambiente

— O Executivo autonómico declarou esta fábrica coma Proxecto Industrial Estratéxico para simplificar e axilizar os trámites administrativos

— Xa son 17 as iniciativas con este recoñecemento que prevén un investimento de 3.000 M€ e xerar máis de 4.700 empregos na comunidade

— A Lei de recursos naturais aposta por unha xestión responsable dos recursos que xere riqueza na contorna

— A sociedade mixta Recursos de Galicia, participada pola Xunta, está a poñer en marcha unha comercializadora galega para ofrecer enerxía a prezos reducidos nas zonas onde se instalen parques eólicos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a futura planta de carbón vexetal de Xallas Electricidad y Aleaciones (Xeal) e Energo-Pro en Dumbría coma exemplo da Galicia industrial, sostible e competitiva que promove o Executivo autonómico.

Durante o acto simbólico de colocación da primeira pedra da fábrica, Rueda afirmou que isto supón o inicio dunha “nova e ilusionante etapa”, un exemplo de “aproveitamento das novas tecnoloxías para seguir respectando o medio ambiente”, combinando “tradición cos últimos avances”, e agradeceu ás compañías que seguen apostando por medrar na nosa comunidade.

O presidente salientou a importancia da cooperación entre as administracións públicas para atraer proxectos que xeran riqueza. Neste sentido, cómpre salientar que a Xunta traballa para atraer investimentos industriais estratéxicos á comunidade, sendo unha vía a simplificación administrativa con figuras legais coma a declaración de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE).

A futura planta de carbón vexetal de Xeal, na que a empresa prevé investir 23 millóns de euros, conta con esta declaración, o que permitiu acelerar e reducir os trámites para a posta en marcha da iniciativa. Na actualidade, hai 17 proxectos empresariais declarados PIE en Galicia que suman un investimento previsto de case 3.000 millóns de euros e que prevén xerar máis de 4.700 empregos.

Galicia, potencia enerxética
O 84% da enerxía que se produce na comunidade xa procede de fontes renovables e o titular do Executivo autonómico destacou o compromiso da Xunta en seguir consolidando Galicia como referente das enerxías verdes, “as enerxías do futuro”, á vez que se garante “a preservación da nosa contorna”, repercutindo tamén no territorio parte da riqueza xerada polo uso dos recursos naturais.

O principal obxectivo da Lei de recursos naturais, aprobada en 2024, é facer compatible a xestión responsable dos recursos coa xeración de riqueza na contorna. A sociedade mixta Recursos de Galicia, participada pola Xunta, está a poñer en marcha unha comercializadora galega que venda enerxía a prezos reducidos a particulares e empresas das zonas onde se instalen novos parques eólicos.

Deja un comentario