A só mes e medio da carreira, que terá lugar o 1 de marzo, acelérase o ritmo de inscricións: son xa 2.400 persoas, entre a C21 e a proba complementaria da 5K
A C21, medio maratón da Coruña, segue dando pasos firmes para afianzar a súa posición no mapa internacional de carreiras deportivas. Desde onte, a proba figura no Global Calendar de World Athletics, órgano de goberno do atletismo a escala mundial, o que permite recoñecer as marcas acadadas na C21 para incluílas no seu ránking mundial.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, apuntou á importancia de que a carreira obtivese a etiqueta Label WA, “que contribúe á posta en valor do medio maratón e, ademais, axuda a que atletas nacionais e internacionais de primeiro nivel participen na C21”, xa que o recoñecemento das marcas e o feito de que as puntuacións sexan válidas para o ránking WA son alicientes fundamentais para as e os corredores de alta competición.
Neste sentido, o ano pasado só se contabilizaron dez probas do medio maratón en España que foron puntuables para o ránking WA: Santa Pola, Sevilla, Barcelona, Málaga, Madrid (2), Pollensa, Bilbao, Albacete e Valencia.
O impulso á C21 enmárcase na aposta que está a facer o Goberno de Inés Rey polas carreiras populares e pola promoción da práctica deportiva para todas as idades, visible tamén en programas municipais como o circuíto Coruña Corre.
Só falta mes e medio para a nova edición da C21
O medio maratón da Coruña, que neste 2026 chegará á súa XVIII edición, volverá ás rúas da cidade o vindeiro día 1 de marzo.
A só mes e medio da disputa da proba, increméntase o ritmo de inscricións, con máis de 1.700 na proba dos 21 quilómetros e outras 700 na carreira da 5K, complementaria ao medio maratón e que tamén terá lugar o mesmo día. Desta forma, xa son algo máis de 2.400 persoas as que formalizaron a súa asistencia á xornada deportiva que abrirá o mes de marzo na cidade herculina.
Cómpre lembrar que a inscrición a custo bonificado manterase ata o día 8 de febreiro. O peche de inscricións será o 22 de febreiro. Toda a información está dispoñible na páxina web de Carreiras Galegas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.