Friday 22 de November de 2024

Xunta e AEMET crean un grupo de traballo mixto para dispoñer duns servizos meteorolóxicos e climáticos máis seguros e de máxima calidade


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destacou que non se trata de ofrecer só aos cidadáns unha predición meteorolóxica, senón de prever e diagnosticar circunstancias que teñen consecuencias directas sobre os bens, as persoas e a contorna

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) acordaron esta mañá crear un grupo de traballo mixto para dispoñer duns servizos meteorolóxicos e climáticos seguros e de máxima calidade. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o presidente da AEMET, Miguel Ángel López, presidiron esta mañá a constitución da Comisión Mixta de Seguimento da Aplicación do Convenio que asinaron a AEMET e a Xunta de Galicia; na que se acordou crear este grupo de traballo que deberá redactar un borrador do protocolo de actuación para conseguir a máxima coordinación entre ambas institucións.

Mato Otero sinalou que non se trata de ofrecer só aos cidadáns unha predición meteorolóxica, senón de prever e diagnosticar circunstancias que teñen consecuencias directas sobre os bens, as persoas e a contorna, a corto e medio prazo.

Nese sentido, acadar unha coordinación real e efectiva converterase na mellor ferramenta para ofrecerlles aos cidadáns uns servizos e información de máxima calidade. Engadiu que para acadar esta eficiencia é imprescindible coñecer como e cal é a contorna, co fin de poder anticiparse a posibles circunstancias adversas e poder protexer e conservar mellor o medio ambiente.

A modo de exemplo, argumentou que uns servizos meteorolóxicos e climáticos óptimos ofrecen datos necesarios para previr episodios de inundacións, temporais, grandes nevadas ou incendios forestais. Tamén axudan a coñecer con precisión a calidade do aire que respiramos e aportan indicadores científicos que demostran os efectos do cambio climático e o quecemento global. “Contar con estes datos e indicadores resulta indispensable para dar unha resposta adecuada a todos estes fenómenos”, matizou.

A conselleira fixo fincapé na necesidade de ir máis alá, polo que animou aos presentes a seguir mellorando, para acadar unha verdadeira coordinación, compartir produtos e servizos, fomentar a formación e a investigación e contribuír á divulgación e cultura meteorolóxica e climática.