A cidade rexistra unha nova baixada do prezo medio e lidera en Galicia a sinatura de contratos, segundo os datos oficiais do Observatorio de Vivenda de Galicia
O prezo medio de xaneiro a xullo foi de 735,86 euros, mentres que de agosto a decembro, tras a declaración de zona tensionada, a media descende ata os 712,80 euros
A Coruña pecha o ano 2025 consolidando a contención do prezo do alugueiro desde a entrada en vigor da declaración de zona tensionada o pasado día 30 de xullo. Así o confirman os datos publicados polo Observatorio de Vivenda de Galicia, organismo dependente da Xunta de Galicia, elaborados a partir da información das sete cidades galegas.
Os datos correspondentes ao segundo semestre do ano amosan unha clara tendencia á contención. Tras acadar un máximo anual de 761 euros no mes de xullo, o prezo medio dos contratos asinados na Coruña descendeu de maneira progresiva nos meses seguintes: 714 euros en agosto, 715 en setembro, 736 en outubro, 713 en novembro e 686 euros en decembro. Trátase dunha baixada de 75 euros entre xullo e decembro, confirmando o cambio de tendencia no mercado do alugueiro. Esta evolución contrasta coa doutras cidades galegas como Vigo e Pontevedra, onde os prezos do alugueiro continúan á alza. A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que “seguimos sendo a cidade co prezo máis elevado mais pouco a pouco seguimos avanzando non só na súa contención senón na baixada, sendo a única cidade galega que o alugueiro volve descender de forma sostida”.
Ademais, segundo os datos detallados por meses, o prezo medio do alugueiro na Coruña sitúase nos 726,25 euros de media no ano 2025. Con todo, cómpre salientar que este dato corresponde ao conxunto do ano (de xaneiro a decembro), cando a cidade non foi declarada Zona de Mercado Residencial Tensionado ata o 30 de xullo de 2025, sendo agosto o primeiro mes completo coa medida en vigor.
Tendo en conta esta circunstancia, os efectos da declaración son aínda máis evidentes: o prezo medio de xaneiro a xullo foi de 735,86 euros, mentres que de agosto a decembro a media descende ata os 712,80 euros. “A entrada en vigor da zona tensionada marcou un punto de inflexión claro: os prezos deixaron de subir e iniciaron unha senda de estabilidade e descenso”, sinalou a alcaldesa, quen subliñou que “non é unha medida máxica nin definitiva, pero os datos oficiais e publicados avalan que a regulación funciona cando se aplica con rigor e pensando no interese xeral”.
A Coruña lidera a sinatura de contratos de alugueiro
No que respecta á actividade contractual, a cidade mantén tamén un comportamento positivo. No 2024 asináronse 5.478 contratos de alugueiro, fronte aos 5.594 rexistrados en 2025, o que supón 116 contratos máis ao peche do ano. Foi a cidade galega na que se asinou o maior número de contratos.
Ademais, A Coruña lidera este mes a sinatura de contratos en Galicia, cun total de 421, por diante de Vigo (399) e Santiago de Compostela (251). “Estes datos demostran que conter prezos non significa frear o mercado, senón facelo máis xusto e equilibrado”, afirmou I a alcaldesa, quen lembrou o compromiso do Goberno municipal de seguir impulsando políticas públicas que garantan o acceso á vivenda e incidiu en que é necesaria unha maior implicación da Xunta de Galicia, “que é a administración con competencias nesta materia”, tanto no desenvolvemento da norma como na posta en marcha doutras políticas estruturais.
Neste sentido, reclamou o establecemento dun réxime sancionador que faga máis efectiva a medida e unha aposta decidida pola construción de vivenda pública. “Desde o Goberno municipal puxemos a disposición terreos municipais para a construcción de vivenda pública sempre que se nos pediu e impulsamos medidas como o incremento da porcentaxe destinada a parque público nos grandes desenvolvementos, a propia ZMRT ou o control das vivendas de uso turístico”, lembrou.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.