Friday 22 de November de 2024

A Xunta avoga por unha “resposta global e coordinada” á violencia de xénero na que se fortaleza a súa prevención


A titular de Igualdade, Susana López Abella, participou na cea-coloquio ‘Causas e Orixes da Violencia de Xénero’, que organizou o Rotary Club de Pontevedra

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, avogou por unha “resposta global e coordinada” á violencia de xénero, a través da asistencia integral ás mulleres vítimas e as persoas ao seu cargo, así como fortalecer a prevención desta lacra en calquera das súas modalidades.

López Abella fixo estas declaracións durante a cea-coloquio Causas e Orixes da Violencia de Xénero, que organizou o Rotary Club de Pontevedra. Así mesmo, explicou que o principal escollo na loita contra a violencia machista é a falta de denuncia e destacou que o ano pasado só o 20 por cento das mulleres asasinadas denunciaran previamente.

Entre as principais causas polas que a vítima non denuncia, a secretaria xeral fixo fincapé no medo, así como aos sentimentos de culpabilidade e vergoña, á presión familiar e do entorno ou o feito de non querer prexudicar ao agresor.

Para intentar combater este problema, Igualdade está a facer un importante esforzo na prevención, especialmente a través de campañas de información e sensibilización con lemas como “Se hai saída á violencia de xénero é grazas a ti. Únete” (2015) ou “Se a maltratas a ela, maltrátasme a min” (2013/2014) e a presenza desinteresada de rostros famosos en eidos como o deporte, o espectáculo e a comunicación.

Así mesmo, Susana López Abella tamén destacou os programas, exposicións e recursos bibliográficos ofertados nos centros educativos de Galicia, campañas como a orientada a evitar o ‘sexting’ ou as xornadas para profesionais, nais e pais nas que se abordaban o uso das novas tecnoloxías e a ciberviolencia, entre outras actuacións.

Por último, a titular de Igualdade repasou os recursos a disposición das vítimas de violencia de xénero, como son os 80 Centros de Información á Muller distribuídos por toda Galicia e as cinco casas de acoliida da Coruña, Ferrol, Culleredo, Lugo e Ourense, que sumadas ao Centro de Emerxencia de Vigo conforman a chamada “Rede galega de acollemento”.

Ademais explicou que desde mediados de 2014 Galicia conta co Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero (CRI), un centro pioneiro no que se desenvolve un modelo de atención integral baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico.

O último capítulo sobre os recursos e servizos dedicoullo ás axudas económicas que a Xunta habilita para as vítimas da violencia de xénero, ben sexa na súa modalidade periódica, de pago único ou como indemnizacións. Desde 2006 o Goberno galego destinou preto de 25 millóns de euros a estas axudas e beneficiou a unhas 3.500 mulleres.