Na costa carballesa hai cinco zonas de baño controladas sanitariamente: Pedra do Sal, Razo (que a efectos de salvamento divídese en tres: Cabreira, Intermedia e Posto), Arnados (que inclúe tamén a Explanada), Ría de Baldaio e Saíñas. Todas acadan a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria que vén de remitir a Consellería de Sanidade ao Concello de Carballo, e que podes consultar no documento anexo.
A Concellaría de Praias ten como principal obxectivo a procura da excelencia en todos os parámetros que determinan a saúde do noso litoral e a calidade dos servizos que se prestan nel. Grazas ao traballo que se desenvolve ao longo do ano, Carballo vén renovando ano tras ano os distintivos Bandeira Azul e Sendeiro Azul para diferentes espazos, e ademais é o único concello da Costa da Morte e un dos poucos de Galicia que conta cos certificados ISO 14001 e EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal e dos servizos.
Ao mesmo tempo, seguimos a traballar noutros aspectos relacionados coa protección do medio costeiro e dos servizos que prestamos aos habitantes da contorna e tamén aos veraneantes. Neste senso, o Concello de Carballo vén de realizar un investimento de 111.383,40 euros na renovación das pasarelas de madeira a través das cales se realizan os accesos ás praias de Razo e Pedra do Sal, así coma do miradoiro de Razo, e o próximo verán teremos pasarelas accesibles enrolables, tamén de madeira, que ofrecen flexibilidade, adaptabilidade ao terreo irregular e facilidade de uso, ademais de proporcionar un acceso seguro e cómodo, e de ser fáciles de instalar e de almacenar.
Ás actuacións promovidas polo Concello de Carballo, que inclúen tamén as campañas anuais de sensibilización ambiental que levamos a cabo coa colaboración de entidades ecoloxistas, súmanse medidas promovidas por outras Administracións, como o plan de conservación da píllara das dunas, no que traballamos en coordinación coa Xunta de Galicia, ou o proxecto de consolidación dos noiros de Razo que promove a Demarcación de Costas do Estado. Precisamente este martes o alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros de Medio Ambiente e Planificación, Miguel Vales e Juan Seoane, mantiveron unha xuntanza na propia praia con representantes do organismo estatal, que informaron do inminente inicio das obras.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.