Tuesday 13 de January de 2026

O PP de Arzúa vota en contra dunha conta xeral de 2024 aprobada fora de prazo e sen planificación económica


Os populares denuncian atraso reiterado, caída da tesourería e un Concello sen orzamentos nin prioridades claras

O tripartito mantén Arzúa co orzamento de 2023 mentres desatende infraestruturas básicas e prioriza intereses políticos

O Partido Popular de Arzúa votou este martes en contra da Conta Xeral de 2024 no pleno extraordinario convocado polo Concello, ao considerar que se trata dunha aprobación tardía, sen planificación e afastada da realidade económica do municipio.
Tal e como lembrou o voceiro do PP, Rafael Rivadulla, a Conta Xeral debía estar aprobada antes do 1 de outubro de 2025, como marca a lei. Porén, chega ao Pleno o 13 de xaneiro de 2026, con máis de tres meses de atraso, nun incumprimento que xa é habitual neste goberno tripartito.
A análise do fondo da Conta Xeral tampouco avala o discurso triunfalista do goberno. Aínda que se presenta un resultado económico-patrimonial positivo de 1,47 millóns de euros, a tesourería municipal cae en máis de medio millón, pasando de 2,8 a 2,28 millóns de euros. “Hai superávit no papel, pero menos diñeiro na caixa”, advertiu Rivadulla, sinalando atrasos nos cobros e nos pagos, débedas pendentes con provedores e unha clara descoordinación entre contabilidade e tesourería debida, seguramente, á parálise administrativa.
O PP tamén puxo o foco na dependencia estrutural de subvencións doutras administracións, que superan o 55 % dos ingresos correntes. Máis de 4,3 millóns de euros chegan da Xunta, do Estado ou de fondos europeos, mentres os ingresos propios non medran. “Menten cando din que a Xunta non inviste en Arzúa; a proba está nos importes que amosan a conta xeral”, sinalou o voceiro popular.
Esta falta de planificación reflíctese nun dato especialmente grave: desde que goberna o tripartito, Arzúa non contou con ningún orzamento aprobado. En pleno 2026, o Concello segue funcionando cun orzamento prorrogado de 2023, anterior ao actual mandato. Isto impide crear partidas actualizadas e necesarias para actuacións urxentes como a reparación da ponte de Maroxo, investimentos en Portodemouros ou melloras básicas nas parroquias en materia de auga, saneamento e estradas.
“O Partido Popular non pode apoiar unhas contas aprobadas tarde, sen orzamento, sen planificación e afastadas das necesidades reais de Arzúa”, concluíu Rivadulla. “Mentres non haxa rigor, transparencia e prioridades claras, o noso voto seguirá sendo non”.

Deja un comentario