Tuesday 13 de January de 2026

O Grupo Socialista critica a instalación de novos radares porque prioiza a sanción frente a prevención


As e os socialistas alertan de que a decisión do goberno municipal de instalar novos radares fixos con afán recadatorio contradí a propia política de prevención viaria defendida en 2020 pola alcaldesa Goretti Sanmartín, ao priorizar multas sobre medidas de planificación.
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2026. O Grupo Municipal Socialista alerta de que a decisión do goberno do BNG e de Compostela Aberta de instalar novos radares fixos e un semáforo con cámara contradí a política de prevención viaria que a alcaldesa Goretti Sanmartín defendía en 2020, ao priorizar multas sobre medidas de planificación, calmado de tráfico e campañas de concienciación destinadas á seguridade peonil.
Abal destaca a necesidade dunha orde lóxica nas actuacións de seguridade viaria: “Primeiro redeseñar e calmado físico das rúas, despois xestión intelixente do tráfico e campañas de concienciación, e só como última medida aplicar sancións en puntos conflictivos xustificados con datos públicos. Non é o caso destes novos radares.”
A concelleira advirte tamén sobre as vías máis perigosas que se ignoran: “Existen vías con menor tráfico e limitada velocidade que resultan máis perigosas, especialmente nas zonas con alta presenza peonil. Sen embargo, o goberno opta por unha política sancionadora que, segundo o propio orzamento, duplicará os ingresos por multas, poñendo en dúbida o discurso oficial de que non hai afán recadatorio.”
E subliña a contradición da alcaldesa: “Goretti Sanmartín defendía en 2020 campañas de sensibilización e unha política de mobilidade urbana distinta. Hoxe prioriza a instalación de radares fronte a medidas preventivas e educativas que ela mesma consideraba fundamentais. Esta é a verdadeira contradición desta política.”
O Grupo Municipal Socialista lembra que a seguridade viaria constrúese con planificación, datos e coherencia política, non con multas masivas sen medidas previas nin transparencia.

Deja un comentario