Tuesday 13 de January de 2026

Rueda anuncia 1 M€ en axudas para promover prácticas sostibles nos chiringuitos e facelos máis eficientes, accesibles e integrados na paisaxe costeira


— Salienta que estes apoios buscan avanzar cara a un modelo que compatibilice a actividade económica coa conservación da contorna, como establece a Loxilga

— Pon en valor o camiño iniciado o pasado 1 de xullo, cando Galicia pasou a exercer a xestión e ordenación plena do seu litoral

— Financiaranse actuacións relacionadas co uso de materiais sostibles e de baixo impacto ambiental, xestión de residuos, aforro de auga e enerxía e accesibilidade

— A axuda poderá cubrir ata o 50% do proxecto subvencionable, cun investimento mínimo por solicitude de 1.500 € e unha contía máxima de 10.000 €

— No caso da adaptación aos prototipos de chiringuito biosostible, a axuda poderá chegar ata o 70% do investimento subvencionable cunha contía máxima de 20.000 €

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Executivo galego destinará este ano un millón de euros a axudas para promover prácticas sostibles nos chiringuitos da costa galega favorecendo ao mesmo tempo a transición cara a uns establecementos máis eficientes, accesibles e integrados na paisaxe.

“Con respecto, con agarimo, con tradición, tamén con modernidade, hai que seguir vivindo do e no litoral”, asegurou esta mañá en Ribeira, durante a entrega de premios e a presentación dos proxectos galardoados no concurso de ideas convocado polo Goberno autonómico para deseñar un prototipo biosostible destes establecementos temporais e que sirva de modelo de referencia para futuras instalacións. “Galicia é moi diversa e o seu litoral tamén, polo que non se trata de uniformar, non queremos que todo sexa igual xa que sería un erro; o que queremos é que o valor de cada terreo se vexa realzado e iso pódese conseguir a través de arquitectura”, manifestou.

No acto, no que estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, Rueda reafirmou con esta idea o compromiso do Executivo galego de avanzar cara a un modelo máis respectuoso e homoxéneo que compatibilice a actividade económica coa conservación da contorna, tal e como establece a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga).

A este respecto, o presidente puxo en valor o camiño iniciado o pasado 1 de xullo, cando Galicia pasou a exercer a xestión e ordenación plena do seu litoral. “Estamos a tomarnos moi en serio esta competencia; cando a pedimos era porque criamos que desde aquí podíase xestionar mellor e preservar o noso litoral”, insistiu.

Grazas á Lei, a Xunta está tramitando xa as solicitudes para obter autorización para instalacións, actividades, eventos e servizos de tempada e praia en toda a franxa costeira galega -e por primeira vez na zona de dominio público marítimo-terrestre- para a tempada 2026, cunha novidade importante para o sector, xa que os chiringuitos poderán operar de xeito opcional -de forma ininterrompida- desde a Semana Santa ata o 31 de outubro. “Para aqueles que queiran, insisto, pero os que crean que poden alongar, respectando a contorna e dando vida económica aos sitios onde están, este ano van poder facelo”, engadiu.

“E seguiremos tomando medidas deste tipo, xa que somos os primeiros interesados en coidar o noso litoral, que é tanto como preservar unha parte moi importante desa Galicia Calidade”, alegou Rueda.

Os novos apoios
A nova liña de axudas, que se convocará a finais deste mes de xaneiro, ten por obxectivo facilitar que os propietarios que queiran renovar os seus negocios poidan adoptar os deseños galardoados, como o proxecto gañador Do mar ao furancho (de Emilio José Granda Caicedo e Santiago Ramos de Teresa). Ao facelo, os hostaleiros terán xa un proxecto redactado, sen ter que asumir os gastos correspondentes, e garántese que a instalación sexa homoxénea, accesible e respectuosa coas Directrices da Paisaxe.

Así, esta orde de axudas busca fomentar que nestes establecementos de tempada se empreguen materiais reutilizables, reciclados, de baixo impacto ambiental ou con certificación ecolóxica tanto na instalación de estruturas, solos e paneis como nos elementos de sombreado e protección solar, ou no mobiliario.

Tamén serán subvencionables actuacións dirixidas tanto á redución e correcta xestión dos residuos, como ao aforro enerxético e de auga. Por último, financiaranse accións que promovan a accesibilidade universal mediante solucións respectuosas coa contorna e a integración paisaxística.

No que atinxe ás contías, a axuda poderá cubrir ata o 50% do proxecto subvencionable, cun investimento mínimo por solicitude de 1.500 euros e unha axuda máxima por proxecto de 10.000 euros. No caso da adaptación integral aos prototipos de chiringuito biosostible do concurso de ideas, a axuda poderá chegar ata o 70% do investimento subvencionable cunha contía máxima de 20.000 euros.

Deja un comentario