Saturday 16 de November de 2024

Nava Castro supervisa as primeiras intervencións do Plan de Actuación da Xunta que converterá o Monte do Gozo nunha referencia nacional


As primeiras actuacións deste proxecto de recuperación integral corresponden ao proxecto paisaxístico e están centradas na relación do Monte do Gozo co Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou nesta mañá o Monte do Gozo para supervisar os avances realizados no marco do Plan de Actuación, un proxecto de recuperación integral promovido pola Xunta de Galicia co obxectivo de adaptar este parque ás necesidades actuais e convertelo, así, nunha referencia nacional e xacobea.

Na súa visita, a responsable de Turismo da Xunta, que estivo acompaña polo xerente do Xacobeo, a arquitecta do proxecto e un representante de Seaga -empresa encargada da súa execución-, destacou que este Plan constitúe unha actuación fundamental tanto para Compostela como para a Ruta Xacobea, posto que, segundo afirmou, se trata do parque de maior dimensión da cidade e a porta de entrada dos peregrinos a Galicia.

Nava Castro explicou que as primeiras actuacións levadas a cabo céntranse na relación do Monte do Gozo co Camiño de Santiago co obxectivo de recuperar a súa condición orixinal liberándoo dos elementos que actualmente impiden a súa lectura e compresión.

A vexetación forestal de proximidade e as plantacións de eucaliptos de San Lázaro provocaban que o significado do Monte do Gozo para o Camiño perda a súa carga simbólica, xa que non se pode apreciar dende el a Catedral de Santiago.

Neste senso, segundo sinalou a directora de Turismo de Galicia, unha das intervencións xa postas en marcha é o proxecto de plantacións e movemento de terras asociado ao proxecto paisaxístico contemplado no plan. En relación ao mesmo, Nava Castro afirmou que esta actuación levou consigo preto de 103 mil euros de investimento e a plantación de máis 1.200 árbores de máis de dez especies diferentes como Pinus Sylvestri, Quercus Robur, ou Corilus avellana, entre outras, e o transplante de máis de 200.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta destacou que xa está en marcha tamén o proxecto de obra civil asociado ao proxecto de paisaxe do Monte do Gozo o cal iniciouse o pasado 11 de abril e ten un prazo de execución de catro meses. Nava Castro sinalou que o presuposto para esta actuación é de preto de 500 mil euros.

A directora de Turismo de Galicia afirmou que grazas a estas e outras actuacións contempladas no Plan, “a nosa comunidade recuperará un espazo de referencia na acollida e espiritualidade do fenómeno xacobeo e Compostela recuperará un espazo único e aberto para o desfrute dos santiagueses, dos cidadáns da súa contorna e de todos os galegos e galegas”.

“Estas intervencións dotarán de nova vida a este amplo espazo de parque de Santiago de Compostela, revitalizando o seu valor referencial no mundo xacobeo pero tamén converténdoo nun espazo ao servizo dos cidadáns e dos turistas de Santiago de Compostela e de Galicia”, concluíu Nava Castro.