Tuesday 13 de January de 2026

Miño pon en valor aos deportistas locais cos IV Premios do Deporte


A gala celebrarase este venres, 16 de xaneiro, a partir das 20:00 horas, no Local Social da Rúa.

O Concello de Miño anuncia a celebración da cuarta edición dos Premios do Deporte, un evento destinado a recoñecer e valorar o labor dos deportistas e entidades deportivas do municipio durante a tempada 2024-2025. O acto terá lugar este venres, 16 de xaneiro, ás 20:00 horas no Local Social da Rúa.

Nesta gala renderase homenaxe aos logros e traxectorias destacadas en distintas disciplinas deportivas, cun recoñecemento especial á dedicación, esforzo e valores que promoven o deporte na comunidade. Ademais de premiar a deportistas e equipos, poñerase en valor a contribución de clubs, adestradores e eventos deportivos que deixaron unha pegada significativa no ámbito local.
Nesta edición, premiaranse as seguintes categorías: mellor equipo masculino e feminino, mellor deportista masculino e feminino, mellor deportista promesa, mellor adestrador, mellor club, mellor evento deportivo, deportividade e valores deportivos, mencións especiais e a traxectoria deportiva.

O Concello reafirma o seu compromiso co deporte como motor de valores esenciais como o traballo en equipo, a constancia e o respecto, elementos crave para o desenvolvemento integral da sociedade. Esta edición, do mesmo xeito que as anteriores, busca ser un reflexo da paixón e talento que caracteriza aos veciños de Miño.

Deja un comentario