Tuesday 13 de January de 2026

O Concello de Neda presenta o cartel do seu I Ciclo de Teatro Afeccionado, unha aposta polas artes escénicas e as compañías amateur


O Concello de Neda pon en marcha o seu I Ciclo de Teatro Afeccionado. Toda unha aposta polas artes escénicas, e sobre todo, polas compañías non profesionais que fan do teatro a súa paixón. Arrinca xa, esta mesma semana, e a Administración local avanzaba esta mañá o cartel do programa, que se desenvolverá todos os sábados ata a primeira fin de semana de febreiro. Todas as funcións comezarán ás 20 horas na casa da cultura, e as entradas poderán reservarse chamando á Biblioteca Municipal (981 39 02 33) dende o martes precedente ao espectáculo. O custe é de 2 euros -e poderá abonarse o mesmo día da función-.

O grupo coruñés Noite Bohemia inaugurará o calendario este sábado 17 coa representación de “Bacantes”. Tomará o relevo o grupo ferrolán Opaí Teatro coa súa obra “A mala estrela” (24 de xaneiro), á que seguirá o grupo pontés O Catre Teatro con “Paripé O Cabaré” (31 de xaneiro), e pechando, o grupo ferrolán Teatro do Asteleiro e “O caso do cadáver asasinado” (7 de febreiro).

Esta nova iniciativa, que nace con vocación de continuidade, súmase ao ciclo “Tempo para o Teatro” que a finais de ano celebra o Concello de Neda dende 2003, así como ás clases de interpretación da Escola Municipal de Teatro que promove durante o curso a Administración local tanto para o público adulto como para o infantil.

Deja un comentario