· As intervencións, que veñen de comezar, realízanse nunha parcela cedida por un particular.
O goberno local continúa avanzando na ampliación das zonas de estacionamento no núcleo urbano de Ponteceso. Neste contexto, o Concello iniciou as actuacións para habilitar unha nova área de aparcadoiro na avenida Anllóns, unha intervención orientada a mellorar a mobilidade e dar resposta á demanda existente nesta zona.
Así o confirmou o alcalde, José Manuel Mato, quen destacou a importancia desta actuación para “ampliar os servizos dispoñibles para a veciñanza e contribuír á dinamización do tecido económico local”.
As obras comezan tras o acordo alcanzado entre o Concello e o propietario da parcela, que cedeu o terreo para este fin. O convenio subscrito permitiu facer viable a creación desta nova zona de estacionamento. O rexedor quixo agradecer a colaboración deste veciño, cualificándoa de “esencial para facer realidade este novo aparcadoiro ao servizo da cidadanía”.
A posta en funcionamento deste novo espazo permitirá iniciar a implantación da zona azul no municipio, ao contar cunha área de estacionamento de carácter xeral que garante alternativas suficientes para residentes e usuarios habituais.
A zona azul terá como obxectivo “favorecer a rotación de vehículos e compatibilizar o estacionamento dos residentes coa mobilidade dos visitantes”, explicou o alcalde. Do mesmo xeito que noutros puntos do termo municipal, o estacionamento será gratuíto, sendo necesario que os condutores empreguen un disco de control horario ou calquera outro sistema no que quede reflectida a hora de chegada do vehículo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.