Co comezo do novo ano, retómase o V ciclo Contando Ciencia, programa que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene. Faino este xoves, 15 de xaneiro, coa conferencia Terras raras: nin son terras nin son raras, a cargo de Irene Pérez Cáceres, doutora en Xeoloxía e técnico da Cámara Oficial Mineira de Galicia. A cita será, unha vez máis, na Casa da Cultura de Fene, ás 19.30 horas, e con entrada libre e de balde.
Durante a súa intervención en Fene, Irene Pérez Cáceres, explorará o que son as terras raras, dende o seu descobremento ata as súas aplicacións na sociedade actual. Abordará a importancia estratéxica destes elementos críticos para as tecnoloxías modernas e a transición enerxética, dende dispositivos electrónicos ata vehículos eléctricos e enerxías renovables.
Dende o punto de vista xeológico, examinará “os principais tipos de xacementos de terras raras que se atopan ou poderían atoparse en Galicia, prestando especial atención ás formacións rochosas e aos procesos que propician a súa concentración”. Analizará, ademáis, as características mineralóxicas asociadas e as metodoloxías de prospección utilizadas para a súa identificación.
Irene Pérez Cáceres é doutora en Ciencias da Terra, especializada na evolución tectónica do Macizo Ibérico. A súa formación académica inclúe un Doutorado na Universidade de Granada (2017), un Máster en Recursos Xeolóxicos e Xeotecnia da Universidade de Oviedo (2012), e unha Licenciatura en Xeología da Universidade de Salamanca (2010). Foi investigadora postdoutoral na Universidade de Salamanca e no Instituto Geosciences Barcelona (CSIC).
Tamén foi profesora sustituta interina na Universidade de Granada (2021) e persoal docente e investigador na mesma universidade (2012-2018).
Desde 2023 é Responsable da Oficina Técnica da Cámara Oficial Mineira de Galicia onde, entre as súas funcións, xestiona o Catastro Mineiro de Galicia e coordina actividades de patrimonio xeomineiro.
É membro da Sociedade Xeológica de España, vocal da Comisión de Mulleres e Xeología, e membro do comité científico do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel. Ten participado en múltiples proxectos de investigación, congresos e actividades de divulgación científica, e ten diversas publicacións en revistas científicas internacionais.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.