Tuesday 13 de January de 2026

Rioboo volve incumprir co deporte local: os clubs seguen sen cobrar as axudas de 2024 e 2025


• O Balonmán Culleredo alerta dunha situación económica límite: “Non podemos aguantar máis con esta mochila”

• O PP esixe ao alcalde que execute sen demora o plan anual de axudas e o plan mantemento integral de instalacións deportivas, aprobados polo pleno a iniciativa popular

O Partido Popular de Culleredo denuncia un novo incumprimento por parte do alcalde, José Ramón Rioboo, co deporte local. Os populares trasladan a súa preocupación tras o correo remitido hoxe polo Club Balonmán Culleredo aos grupos municipais da oposición, no que a entidade asegura que, “como era previsible”, o Concello non cumpriu o compromiso adquirido polo alcalde nunha reunión celebrada a finais de outubro con varios clubs do concello: abonar antes de finalizar 2025 as subvencións correspondentes aos anos 2024 e 2025 e, a partir de aí, convocalas de forma anual.

O club lembra ademais que as últimas axudas municipais recibidas foron as de 2023, polo que –segundo denuncian– levan dous anos sostendo a súa actividade sen esas subvencións. Alertan por iso dunha situación económica límite, agravada porque, durante este tempo, os clubs tiveron que facerse cargo de tarefas e asumir gastos que non lles corresponden #ante a falta de conserxes, limpeza e mantemento nos pavillóns municipais. “O Concello está a ser subvencionado polos clubs. O mundo ao revés”, sinalan. “Non podemos aguantar máis con esta mochila”, engaden.

Desde o club poñen o foco tamén na falta de información sobre as melloras prometidas nas instalacións deportivas. Aseguran que non teñen novidades sobre os proxectos anunciados para a reforma dos pavillóns —en especial Tarrío e Almeiras— e reclaman un calendario para contar con conserxes, un servizo de limpeza “digno” e un mantemento adecuado: desde auga quente nas duchas ata redes e marcadores en condicións. A entidade advirte de que, se non hai unha resposta inmediata e a cobranza das axudas pendentes non se materializa, convocará unha asemblea extraordinaria para valorar medidas.

O PP lembra que leva tempo alertando do abandono do deporte local por parte do goberno municipal e que en 2023 levou ao pleno dúas mocións para un plan anual de subvencións e un plan de mantemento integral das instalacións deportivas, aprobadas por todos os grupos municipais. “Rioboo volve fallarlles aos clubs e ás familias: promete, dá longas e deixa ás entidades deportivas sen un euro e sen prazos”, asegura a portavoz popular, Izaskun García. E denuncia: “O que está a pasar é moi grave: asfíxiase a quen sostén o deporte basee e, ademais, trasládaselles o custo de servizos que son responsabilidade municipal”.

Por iso, García esixe “feitos e datas, non máis titulares nin escusas” e reclama ao alcalde o pago inmediato das subvencións de 2024 e 2025, a convocatoria xa das axudas de 2026 e un calendario claro das obras e os servizos nos polideportivos. “Que asuma dunha vez a súa responsabilidade e deixe de trasladar a súa incapacidade de xestión aos clubs”, afirma. “Desde o Partido Popular –engade– non só denunciamos o que non funciona: temos un modelo claro, con axudas anuais, prazos cumpridos, instalacións coidadas e respecto institucional ao traballo dos clubs”.

Deja un comentario