Os traballos, que suporán un investimento de máis de 740.000 euros, comezaron esta mañá no sector máis próximo aos accesos desde a rúa Padre Sarmiento
O Concello ultima os preparativos para actuar no parque de Santa Margarida, onde nos vindeiros días xa serán visibles os traballos de mellora proxectados polo Goberno de Inés Rey no recinto, que conta cunha superficie de máis de 78.000 metros cadrados.
As obras, adxudicadas á empresa Jardinería Arce, suporán un investimento superior aos 740.000 euros e consistirán, a grandes trazos, na renovación de adaptación dos camiños e sendas, tamén na ampliación e mellora dos equipamentos e mobiliarios —tanto deportivos como de lecer— e, a maiores, a incorporación de novas especies arbustivas nos diversos espazos verdes do parque.
As actuacións sobre o terreo xa serán visibles nos vindeiros días, despois de que hoxe pola mañá chegase a maquinaria necesaria para executar o plan de intervencións previsto, que arrincará no sector máis próximo aos accesos desde a rúa Padre Sarmiento.
O parque gañará xogos na área infantil e un novo espazo deportivo de calistenia
Tal e como se anunciou o ano pasado, ao saír a concurso as obras, o Concello ten previsto actuar sobre o camiños do parque. Neste sentido, a previsión é acometer a creación dun novo circuíto de sendeiros con firme de cemento-xabre, no que se aproveitarán os espazos infrautilizados do parque, co que se conectarán así os seus diversos espazos de ocio e lecer.
A este respecto, tamén está previsto renovar o mobiliario urbano do parque e darlle uniformidade en termos estéticos. Isto suporá actuacións, por exemplo, nos espazos que están máis deteriorados, como é o caso dos merendeiros.
As novas pistas para correr chegarán á área de calistenia que se construirá sobre o espazo deportivo xa existente ao nordeste do parque. E, ademais, crearanse máis sendeiros no sector sur-sueste, que interconectarán o mobiliario urbano de lecer alí existente.
Por outra banda, o Concello tamén acometerá a ampliación da área de xogos infantís próxima ao acceso desde a avenida de Arteixo, onde se sumarán novos equipamentos e se ampliará así o rango de idades para o seu uso diario, xa frecuente no día a día.
Melloras na sinalización e a iluminación
Outra das medidas previstas ao abeiro da actuación en Santa Margarida será a instalación de novos focos de iluminación, máis eficientes, que se situarán na contorna de elementos patrimoniais como o hórreo e o cruceiro do parque e contribuirán así á súa posta en valor.
Ademais, tamén está previsto renovar a sinalización do parque, para darlle unha uniformidade estética e, ao mesmo tempo, reforzar a información que lles serve de orientación e guía ás persoas que visitan Santa Margarida.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.