O incremento de vacinación máis notable acádase entre o persoal sanitario, cun 66,13 % de cobertura actual, 12 puntos por riba da temporada pasada
A porcentaxe de embarazadas vacinadas aumenta en case 8 puntos, cun 48,36 na campaña actual
Entre os maiores de 65 anos a cobertura acada o 73,19 %, 2 puntos máis que o ano pasado, acadando o 82,5 % dos vacinados no caso de maiores de 80 anos
As persoas que aínda desexen vacinarse poden facelo mentres queden existencias solicitando cita de enfermería no seu centro de saúde
Galicia continúa a superar os datos de persoas vacinadas fronte á gripe da campaña do ano pasado e pecha a semana con 877.213 vacinados, mellorando os datos de cobertura en todos os grupos da poboación diana.
É especialmente destacable o incremento da cobertura vacinal fronte á gripe do persoal sanitario, con máis do 66 %, o que representa 12 puntos máis con respecto a 2024.
No colectivo de embarazadas, a cobertura aumentou case 8 puntos porcentuais, superando o 48 % actualmente, en comparación co 40,52 % da pasada campaña.
En canto aos maiores de 65 anos, cun 73,19 % de vacinados, representa dous puntos máis que o ano anterior.
Máis en detalle, os maiores de 70 anos chegan ao 76,6 % de cobertura vacinal e só os maiores de 80 acadan o 82,5 %. É dicir, oito de cada dez persoas de 80 ou máis anos vacináronse para previr as complicacións da gripe.
No que respecta á poboación infantil, mantense a taxa de vacinación en nenas e nenos de 6 a 59 meses en algo máis do 65 %. Ademais, esta campaña por primeira vez estendeuse a poboación diana ata os 11 anos e, neste grupo, a cobertura antigripal chega ao 56,22 %.
Aquelas persoas que desexen vacinarse, aínda que a campaña oficial xa rematou, poden facelo mentres se dispoña de existencias, solicitando cita con enfermería do seu centro de saúde, tendo en conta que o virus da gripe segue en circulación.

Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.