Tuesday 13 de January de 2026

Preto do 57% dos fogares galegos considera que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, un 6% que hai un ano


— O dato de familias que experimentan algunha dificultade (37%), o máis baixo dos últimos oito trimestres, redúcese nun 4% con respecto a finais de 2024

— O de fogares con moita dificultade é un 20% menor e a porcentaxe de fogares que non se puideron permitir ningún extra pasa do 21,3% ao 18,8%

A nova entrega da Enquisa Conxuntural de Fogares que realiza o Instituto Galego de Estatística (IGE), correspondente ao cuarto trimestre do ano 2025, revela que os últimos datos recollen unha melloría da situación das familias con respecto ao mesmo período de tempo do 2024. Así, o número de fogares que chegan con facilidade ou con moita facilidade a fin de mes aumentaron nun 5,7%, ata acadar o 56,9%.

Ademais, a enquisa sinala que a porcentaxe dos fogares galegos que experimentan algunha dificultade para chegar a fin de mes (37%) é o dato máis baixo dos últimos oito trimestres. O novo dato constata unha diminución dun 4% en relación co trimestre da anualidade de 2024.

O mesmo sucede cos fogares con moita dificultade para chegar a fin de mes, que se reduciron máis dun 20%; e cos fogares que non se puideron permitir ningún extra, que baixaron no último ano do 21,3% ao 18,8%.

A enquisa do IGE apunta, ademais, que nos vindeiros tres meses, o 41,5% dos fogares galegos ten pensado aforrar algo de cartos, o 61,5% facer algún extra en produtos de alimentación, o 65,5% saír a cear, ir ao cine ou ao teatro, e o 22% facer fronte ao imprevistos ou a grandes compras.

Deja un comentario