— O contrato adxudicado este mes ten como fin axudar na supervisión, vixilancia e inspección das infraestruturas hidráulicas competencia dos concellos para dar un mellor servizo á cidadanía e velar pola calidade das augas na súa área de influencia
— A adxudicataria asumirá, entre outros traballos, o asesoramento ás entidades locais na xestión destas infraestruturas, a realización de analíticas e a recompilación de información para a elaboración de informes periódicos sobre o seu estado
A Xunta, a través de Augas de Galicia, investirá case 3,4 millóns de euros, IVE incluído, no control e seguimento das instalacións de depuración de augas residuais urbanas das aglomeracións de máis de 2.000 habitantes equivalentes, unha medida que contribuirá ao cumprimento da directiva marco da auga que exixe a supervisión das depuradoras deste tipo de núcleos.
O fin último deste servizo, que foi adxudicado a comezos de xaneiro, é axudar nas tarefas de supervisión, vixilancia e inspección das infraestruturas hidráulicas competencia das entidades locais para garantir así un mellor servizo á cidadanía e velar pola calidade das augas na súa área de influencia.
Cun prazo de execución dos traballos de 24 meses, o contrato abrangue os labores necesarios para asesorar aos concellos na xestión das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) da súa titularidade: un total de 127 no conxunto de Galicia.
Así mesmo, a adxudicataria tamén ofrecerá o control necesario para asegurar o cumprimento da normativa vixente en materia de depuración e tratamento de auga coa realización das analíticas necesarias e a recompilación da información precisa para a elaboración de informes periódicos sobre o seu estado e conservación.
De feito, entre as actuacións incluídas no servizo está a realización de informes globais sobre as instalacións de depuración no ámbito da comunidade autónoma, necesarios para o seu uso por outros organismos competentes na materia ou para avaliar o propio estado das instalacións no seu conxunto en determinados aspectos concretos.
O contrato engloba, ademais, o desenvolvemento evolutivo da aplicación informática correspondente ao Sistema de Información de Control de Estacións Depuradoras (Sicedar) de Augas de Galicia (co fin de adaptala e perfeccionala), así como o seu mantemento correctivo para garantir a súa funcionalidade e operatividade, na que se centralizará toda a información xerada ao abeiro do mesmo.
Deste xeito, a Xunta axudará aos concellos a realizar o control e seguimento das 127 instalacións de depuración de augas residuais urbanas que dan servizo en Galicia a aglomeracións de máis de 2.000 habitantes equivalentes. Delas, 63 pertencen á provincia da Coruña, 25 á de Lugo, 13 á de Ourense e 26 á de Pontevedra.
Apoio técnico e económico aos concellos
Esta é unha mostra máis do apoio técnico e económico que o Executivo galego presta ás entidades locais para que poidan exercer as súas competencias en materia de xestión da auga dun xeito máis eficiente e ofrecer un servizo coa máxima calidade á veciñanza da súa área de influencia.
De feito, ese compromiso coas administracións locais reflíctese tamén nos orzamentos de Augas de Galicia para este ano, que suman 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) e dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns de euros—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.

Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.