Tuesday 13 de January de 2026

A Xunta ultima os preparativos da convocatoria do 2026 da tarxeta benvida


– O pasado ano o Goberno galego destinou preto de 32 millóns de euros a esta medida que beneficia a oito de cada 10 familias

– As mulleres embarazada poderán solicitar esta achega económica a partir da semana 21 de xestación para adquirir produtos básicos antes do nacemento do bebé

– Facilitar a conciliación familiar é unha das apostas do Executivo galego que se consolida cada ano con medidas pioneiras como a gratuidade das escolas infantís

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou a farmacia Carmen Castro de Ron na Coruña para anunciar que a Xunta está ultimando os preparativos para a nova convocatoria do ano 2026 da Tarxeta Benvida, unha medida a disposición das familias galegas que acaban de ter un bebé e precisan adquirir todo tipo de produtos de primeira necesidade como cueiros, leite, roupa ou os carriños.

Fabiola García explicou que desde a posta en marcha no 2016 máis de 120.000 familias se beneficiaron desta medida e que a Xunta foi mellorando ano a ano para facer máis accesible. Neste sentido, indicou que esta será a terceira vez na que as mulleres embarazadas a partir da semana 21 de xestación, co obxectivo de preparar a chegada do bebé. Outra das novidades dos últimos anos foi a concesión desta achega económica ás familias que acollan de xeito permanente a un ou máis menores de ata tres anos de idade.

A conselleira lembrou que a contía da axuda que reciben as familias a través deste programa é de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do fillo ou filla. Esta cantidade duplícase o primeiro ano para o terceiro fillo e sucesivos, e increméntase un 25% para as familias que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así mesmo, a axuda pode estenderse ata os catro anos de vida do neno naqueles fogares especialmente vulnerables.

Impulso da Xunta á conciliación
A Xunta leva anos impulsando diferentes medidas pioneiras para apoiar ás familias, especialmente no eido da conciliación e a corresponsabilidade. Deste xeito, destaca a posta en marcha da gratuidade na educación 0-3, de carácter pioneiro en Galicia e que se aplica en todas as escolas infantís tanto públicas como privadas ou de iniciativa social.

Grazas a esta medida impulsada pola Xunta e que leva catro cursos en funcionamento, Galicia conseguiu situarse como a comunidade coa maior ratio de escolarización infantil do país, cun 65% de matriculacións e 15 puntos por enriba da media nacional. Por iso, Fabiola García lembrou que máis de 32.000 familias se benefician cada ano desta aposta sen precedentes pola conciliación e que, ademais, supón un aforro anual de ata 3.000 euros.

A maiores, explicou que os esforzos da Xunta para facilitar a vida familiar e laboral tamén se estenden ao rural, coa posta en marcha de recursos específicos como as casas niño. Trátase – lembrou- de servizos gratuítos de atención á nenos e nenas de ata 3 anos de idade nos municipios máis despoboados e que xa se estende por máis de 100 concellos galegos.

Galicia medra en poboación
Estas medidas de conciliación son esenciais tamén para a demografía e o fomento da natalidade e que – segundo recalcou a conselleira- están dando os seus froitos; xa que nos últimos anos Galicia está revertendo as predicións de poboación previstas para estas datas cun aumento consolidado no número de habitantes e tamén de nacementos.

Deja un comentario