A conselleira de Medio Ambiente avanza que Augas de Galicia iniciará de inmediato a redacción do proxecto que permitirá duplicar a capacidade dos depósitos
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio revisará a rede de abastecemento do Concello de Noia, co fin de priorizar as actuacións máis necesarias para mellorar a situación actual. Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, no transcurso dunha reunión, na que coincidiron en que unha das actuacións máis importantes é a construción dun novo depósito de auga, ao carón da Estación de tratamento actual, que permitirá duplicar a capacidade do depósito actual.
A conselleira de Medio Ambiente sinalou que Augas de Galicia iniciará de inmediato a redacción do proxecto no que se dimensionarán as necesidades para esta nova instalación, ademais dos prazos e do orzamento; aínda que os técnicos estiman un orzamento dun millón de euros, concretou a conselleira.
Este foi un dos proxectos e demandas que analizou esta mañá no decurso dunha reunión co alcalde, na que coincidiron en que esta actuación hidráulica posibilitará un abastecemento de calidade maila que se produzan episodios de turbidez.
Recordou que este compromiso é acorde coa aposta do Goberno galego de colaborar cos concellos para garantir a calidade e cantidade do subministro de augas par todos os veciños, ao que engadiu que este compromiso queda patente grazas aos máis de 100 millóns de euros que se levan investidos en obras de abastecemento dende 2009 e que permitiron levar a cabo máis de 150 actuacións.
Outro dos puntos abordados na reunión foi un proxecto de urbanismo para o concello de Noia. O alcalde presentou á conselleira un proxecto integral de mellora da fachada marítima de Noia. Nese sentido, a conselleira indicoulle que o departamento que dirixe estudará e analizará as posibilidades de colaboración para a humanización desta parte do concello.
Tal e como lle adiantou a conselleira ao alcalde, trátase dun proxecto que poden encaixar nos plantexamentos do Plan hurbe, que aposta pola rexeneración urbanística da nosa Comunidade a través da humanización, a urbanización e os equipamentos públicos de carácter social ou cultural. Un plan no que se investiron 112 millóns de uros en 105 actuacións en 67 concellos diferentes e que para este ano se reservaron 6 millóns de euros que permitirán financiar 21 novas actuacións diferentes, entre as que se podería incluír esta actuación en Noia.