Tuesday 13 de January de 2026

Mercedes Rosón acusa a Sanmartín de entrar en precampaña e reclama “máis anuncios de investimentos e menos campañas de propaganda”


• Critica que o anuncio da Alcaldesa de abrir ao seu despacho dúas veces ao mes “para escoitar” chegue a pouco máis dun ano para as eleccións

• “Para xestionar hai que andar a pé de rúa, como facemos e fixemos as demais sempre, non lembrarse de escoitar cando se achegan as eleccións”

“Máis anuncios de licitacións e investimentos e menos campañas de propaganda”, con estas palabras Mercedes Rosón censuraba que Sanmartín dixera este venres que ía abrir o seu despacho dúas veces ao mes “para escoitar” a pouco máis dun ano das eleccións municipais: “en realidade o que fai a Alcaldesa é arrincar unha precampaña longa de xeito irresponsable”.

A concelleira non adscrita amosase moi crítica con que este anuncio chegue “despois de case tres anos de queixas constantes por parte de asociacións de veciños, representantes de diferentes sectores económicos, tecido cultural e turístico”. Para as non adscritas cando se goberna hai que facelo escoitando “sempre” á cidadanía do Concello, “non só cando falta un ano e pouco para as eleccións”.

Ante isto, Rosón reclámalle a Sanmartín que “non pense tanto nas eleccións aínda e se centre en xestionar” enunciando algúns dos retos que debera ter entre as súas prioridades inmediatas como acadar a declaración de mercado residencial tensionado para topar o prezo do alugueiro, poñer a funcionar a nova empresa pública de vivenda e solo, reforzar o control sobre as concesionarias de limpeza e mantemento, desbloquear o contrato da auga “para levar o saneamento e abastecemento a todo o termo municipal” ou iniciar o proceso para a construción da Casa dos Maiores no Ensanche ou o polideportivo de Santa Marta.

“Por que as portas estiveron pechadas ata agora?”

As concelleiras non adscritas centran a súa crítica neste anuncio na ausencia de diálogo en procesos previos provocaron grandes polémicas como a taxa turística ou a modificación do tributo do lixo: “aí non escoitou a ninguén, nin a sectores afectados nin á veciñanza” algo que, recalca, “queda patente nas alegacións que tiveron ambas iniciativas”. Rosón afea tamén que o goberno local non puxera en marcha esta iniciativa para abrir o despacho da Alcaldía na elaboración dos orzamentos do 2024 e 2025 ou nos do presente ano -para os que lembra aínda non existe un borrador completo-.

As concelleiras non adscritas completan a súa crítica lembrando que o executivo de Sanmartín tampouco practicou un diálogo transparente coas traballadoras dos centros socioculturais que acumulan impagos reiterados mentres segue sen regularizarse a situación do servizo ou cos traballadores do Multiusos e outras instalacións deportivas xestionadas por XADE ante o remate da concesión actual.

“Para xestionar hai que andar a pé de rúa, como facemos e fixemos as demais sempre, non só cando se aproximan os procesos electorais” concluía Rosón quen se pregunta por que ata agora as portas do despacho da Alcaldesa estiveron pechadas.

Deja un comentario