• A institución responde á queixa presentada polo Concello e 336 veciños, solicitando á Consellería que actualice as condicións do transporte para garantir a seguridade dos menores.
• A resolución rexeita a xustificación da Xunta de que ir de pé é “legal’, lembrando que os estándares de seguridade cambiaron e debe primar a protección do alumnado.
A Valedora do Pobo emitiu unha resolución na que apoia as demandas do Concello de Miño e das familias afectadas pola masificación do transporte escolar cara a Betanzos. No seu escrito, a institución diríxese á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para suxerirlle que “avalíe unha actualización das condicións de transporte interurbano” co obxectivo de limitar o número de persoas que poden ir de pé, especialmente no transporte integrado que utiliza o alumnado de Secundaria.
Esta resolución chega como resposta á queixa formal presentada polo alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, acompañada de 336 firmas de persoas afectadas. Nela, o goberno local denunciaba a inseguridade que sofren a diario os estudantes na liña XG87106501 (Centro de Saúde Betanzos–Ponte do Porco–Miño 2), tendo que viaxar de pé ou sentados nas escaleiras pola estrada N-651 nun autobús saturado.
Aínda que a Xunta alegou no seu informe que o vehículo cumpre coa normativa ao ter prazas de pé homologadas para traxectos curtos, a Valedora do Pobo foi tallante na súa conclusión. A institución lembra á administración autonómica que “os estándares de calidade dun servizo público esencial variaron moito”, especialmente no que concierne á seguridade viaria e de menores.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, valorou este respaldo: “a Valedora acaba de confirmar o que levamos meses dicindo: non se trata só de se é legal ou non levar xente de pé, trátase de que é un perigo levar a nenos e nenas hacinados nun bus por unha estrada nacional. A Xunta xa non ten escusas; ten que deixar de mirar papeis e mirar polas persoas”.
Desde o Concello lémbrase que a solución pasa, como se solicitou reiteradamente, por recuperar a liña exclusiva para escolares ou ampliar o roteiro Vilamateo-Miño ata Betanzos para desconxestionar o servizo integrado, que actualmente comparte alumnado e usuarios xerais nun vehículo de 80 prazas claramente insuficiente.
Desde o Concello lémbrase que a solución pasa, como se solicitou reiteradamente, por ampliala Roteiro XG87101201 Vilamateo–Miño ata Betanzos, tal como funcionaba antes da última licitación, para o seu uso por parte do público en xeral, incluíndo ao alumnado que acode aos institutos de Betanzos. Así mesmo, demándase que o Roteiro XG87106501 Centro de Saúde Betanzos–Ponte do Porco–Miño 2 deixe de ser un servizo integrado e resérvese exclusivamente para o transporte escolar.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.