Tuesday 13 de January de 2026

Belén do Campo reúnese co alcalde de Coristanco para avaliar as necesidades e posibles vías de colaboración con este concello de cara a este novo ano


A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuniuse, esta mañá, co alcalde de Coristanco Juan Carlos García. No encontro analizaron diferentes cuestións de interese para o municipio, poñendo especial énfase nas políticas sociais e nas axudas autonómicas xa convocadas ou previstas para os vindeiros meses.

Durante a reunión, destacouse o funcionamento das tres Casas do Maior existentes no municipio. Belén do Campo destacou que se trata recurso que aínda conta con prazas dispoñibles e que está a ter unha excelente acollida, ao ofrecer un servizo de coidado personalizado, próximo e adaptado ás necesidades das persoas usuarias, permitíndolles permanecer preto dos seus fogares. Este modelo, pioneiro en Galicia, continúa medrando ano tras ano polo seu impacto positivo na atención ás persoas maiores. Concretamente Coristanco conta con 3 Casas do Maior dúas en Erbecedo e outra en Agualada. Estes espazos son de atención diúrna totalmente gratuítos para as familias e que financia integramente a Xunta. Nesta liña, a representante do Goberno autonómico subliñou que esta iniciativa, posta en marcha en 2018, forma parte do compromiso do Goberno galego de achegar ás persoas maiores servizos de proximidade, que lles permitan vivir esta etapa das súas vidas onde e como prefiran.

Así mesmo, a delegada da Xunta e o alcalde repasaron distintas liñas de axudas que xa se están a convocar como anticipode gasto. Entre elas, figuran os obradoiros de emprego, así como subvencións relacionadas co medio ambiente, como as axudas para protección de animais de compañía ou conservación de árbores senlleiras.

Tamén se abordaron outras convocatorias como as achegas de embelecemento para particulares, as destinadas á adquisición de vehículos adaptados para persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, así como as subvencións para a cofinanciación de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades ou agrupacións de municipios, entre outras.

No encontro tamén tiveron ocasión de analizar outras necesidades deste concello e estudiaron posibles vías de cooperación conxunta de cara ao futuro. Belén do Campo destacou a importancia de manter un diálogo continuo cos representantes das administracións locais e de coñecer de primeira man as súas necesidades para, desta forma, acertar cos proxectos que vaian en beneficio dos cidadáns.

Deja un comentario