Tuesday 13 de January de 2026

O goberno incrementa a participación cidadá en 2026: a alcaldesa recibirá a veciñanza no Pazo de Raxoi


Goretti Sanmartín e a tenenta de alcaldesa, María Rozas, destacaron que “o goberno da xente” seguirá traballando en 2026 por unha Compostela mellor para vivir, unha Compostela para a xente.

“Somos o goberno da xente; resolver os problemas e lograr un maior nivel de benestar da veciñanza é o obxectivo que nos guía”. Así arrincou o encontro cos medios a rexedora compostelá que, canda todo o goberno, explicou que, neste ano 2026, intensificarase o diálogo coa veciñanza que xa se vén mantendo en distintos foros con este novo formato que se suma á escoita activa.

Serán os primeiros e terceiros xoves de cada mes, a partir do mes de febreiro, cando se abran as portas da Alcaldía á veciñanza, a persoas individuais para reunirse coa rexedora e partillar preocupacións, demandas e achegas de mellora. A veciñanza poderá acceder a estes encontros cubrindo unha solicitude.

Sanmartín Rei indicou que xa a diario son moitas as persoas que se comunican co goberno e con ela mesma a pé de rúa e percibiu que, de xeito individual, hai veciñanza que lle fala das súas preocupacións, ideas ou demandas e bota en falta espazos formais a través dos que formar parte deste proxecto común. E nun tempo de redes sociais e comunicacións virtuais, este goberno quere “incrementar a nosa aposta polo contacto directo, a presencialidade e pola idea de que as relacións persoais son un dos grandes recursos da identidade de Compostela”, concello acolledor e concello dos coidados.

Goretti Sanmartín defendeu un modelo de “participación profundo e fondo”, que estableza vínculos co conxunto da veciñanza de Compostela. “Temos no ADN a participación”, sinalou. E por iso, lembrou que xa durante este mandato se fixo un traballo moi importante no ámbito da participación, coa reactivación dos consellos municipais e a aposta por novos espazos para o debate, coma o futuro foro de turismo sustentable, e mantivéronse centos de encontros con todo tipo de representación do tecido social e multitude de sectores e persoas.

Goberno da xente

Na súa intervención, Goretti Sanmartín incidiu en que este é o goberno da xente e puxo algúns exemplos da xestión: o desbloqueo da parcela de Peleteiro, priorizando a vivenda protexida; a implantación da taxa turística, pensada para equilibrar o impacto do turismo; o novo modelo do transporte urbano, que se formula como un servizo con maior cobertura; o incremento das políticas e do gasto social; normas urbanísticas para protexer os negocios de proximidade e a vivenda; a conciliación; ou a mellora do espazo público”.

“Son propostas valentes que teñen unha prioridade clara: as máis de 100.00 persoas que viven en Compostela. Fronte a outros intereses, fronte a especulación, o noso interese é gobernar para a xente, que o que quere é mellorar e transformar a sociedade compostelá e que haxa un mellor benestar para veciños e veciñas”, enfatizou. Nesas “medidas valentes”, engadiu a rexedora municipal, sitúase o servizo da auga como o servizo da auga público, sustentable e eficiente”.

Mellorar o benestar da veciñanza e ano da mobilidade

Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa reiterou que “o Goberno seguirá traballando neste novo ano por mellorar o benestar dos veciños e veciñas de Santiago, como vimos facendo no que levamos de mandato”. María Rozas lembrou o forte impulso dado ás políticas sociais “con moitos avances que xa son coñecidos como o reforzo do SAF ou das bolsas de comedor escolar, e con outros que sementamos nestes anos e que darán os seus froitos ao longo de 2026”.

Nese sentido, lembrou que está en licitación a Casa dos Maiores e Centro Sociocultural do Ensanche e que no mes de xuño abrirá as súas portas o Centro de Atención Integral ás Persoas sen Fogar de Belvís, “dous equipamentos fundamentais polas políticas que nos permitirán implementar con colectivos que son unha prioridade para o Goberno, as persoas maiores e as persoas máis vulnerables; accións ligadas ao Plan de Senfogarismo que xa presentamos e ao estudo da situación das persoas maiores en Santiago que se está ultimando”. Ademais, a concelleira referiuse á aposta pola mocidade, “á que lle vimos dando un protagonismo que non tiña ata o de agora nas políticas públicas, que reforzaremos co proxecto da Factoría de Salgueiriños”.

A tenenta de alcaldesa reivindicou que “as políticas sociais van máis alá da concellaría de Dereitos Sociais, e avanzar na mellora do benestar da veciñanza é unha cuestión transversal que implica a todo o Goberno”. Neste sentido, referiuse á Mobilidade “porque este 2026 será o ano da mobilidade en Santiago, un punto de inflexión nesta materia”. Ao respecto tamén se referiu a alcaldesa, que defendeu que este goberno está “poñendo os esteos para unha mobilidade diferente, para unha concepción da xestión da auga diferente, para unhas políticas de vivenda distintas ou para preservar o comercio tradicional”.

María Rozas explicou, nesa liña, que o novo contrato de transporte que está en licitación “foi deseñado á medida das persoas, recollendo as demandas da xente, e pensando en mellorar a calidade de vida da veciñanza desde o convencemento de que este é un servizo público que debe ser tratado como tal”. Ademais, avanzou que en breve convocarase a comisión para a municipalización dos aparcamentos das prazas de Galicia e de Vigo “un proceso que abordamos pensando en melloras para a veciñanza pero tamén para o tecido comercial de Santiago”. “En definitiva”, concluiu a tenenta de alcaldesa, “abordamos o 2026 coa filosofía coa que iniciamos o mandato, que é que o noso obxectivo como Goberno é facer políticas públicas pensadas para a xente e para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

Deja un comentario