— Salienta o seu interese estratéxico como aval da prórroga excepcional de 75 anos, o máximo legal permitido, outorgada pola Xunta á concesión que ten en vigor a conserveira no porto de Bodión
— A compañía xera 15.000 empregos, entre directos e indirectos, e realizará investimentos nas instaslacións por importe de 8 M€
— “Dentro do cumprimento estrito da normativa, non hai que ter ningún medo para tentar consolidar aos que apostan por seguir creando riqueza”, afirma o presidente
— Destaca que esta medida aporta unha maior seguridade xurídica “a unha empresa consolidada” e crea as condicións para incentivar o investimento no municipio, ao tempo que permite manter a actividade no Barbanza, evitando a deslocalización, mantendo postos de traballo e facilitando a creación de novos empregos
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou a Jealsa como símbolo da Galicia innovadora, competitiva e comprometida, razóns que xustifican a prórroga excepcional que acaba de conceder o Goberno galego á súa planta en Boiro- Así, amplíase o prazo de vixencia da concesión ata os 75 anos, o máximo legal permitido, o que fará que a industria se manteña no lugar ata xuño de 2067.
“Había a posibilidade de darlle máis expectativas de permanencia e polo tanto de darlle seguridade a unha empresa consolidada”, salientou Rueda nunha visita, na que estivo acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, á planta da conserveira no porto de Bodión, no municipio coruñés.
“Aos motores económicos hai que apoialos. Se queremos que se cree riqueza e postos de traballo, se queremos que se consoliden, o que temos que facer é apostar con valentía, por suposto, dentro da legalidade”, afirmou. “Insisto, dentro do cumprimento estrito da normativa, non hai que ter ningún medo para tentar consolidar aos que apostan por seguir creando riqueza”, engadiu o presidente.
Neste sentido, Rueda indicou que esta prórroga aporta unha maior seguridade xurídica e crea as condicións para incentivar o investimento no municipio, ao tempo que permite manter a actividade do centro de operacións principal de Jealsa no Barbanza, evitando a deslocalización, mantendo postos de traballo e facilitando a creación de novos empregos.
A ampliación outórgase en base á xustificación por parte da empresa dos requisitos legais preceptivos: o interese estratéxico da concesión e o investimento proporcional ao incremento de prazo. Polo que respecta ao primeiro, baséase nos datos de emprego do grupo empresarial: Jealsa Foods xera na súa sede e centros de traballo no Barbanza un total de 3.000 empregos directos e preto de 12.000 indirectos. Ademais, ten unha porcentaxe de emprego feminino do 72% e xustifica un enfoque inclusivo cara ás persoas con discapacidade integrando a 34 no seu cadro de persoal.
En relación ao investimento previsto, que segundo a lei debe superar os 500.000 euros, Jealsa Foods renovará a cuberta da nave principal para eficiencia enerxética e construirá unha nova nave, o que suporá unha achega total de 3,2 millóns de euros. Así mesmo, ten prevista a reconstrución dunha nave industrial incendiada no 2021, cun custe estimado de 4,8 millóns de euros, polo que propón un investimento total na comarca do Barbanza para os vindeiros anos de 8 millóns de euros.
Crecemento desde as orixes
A este respecto, o presidente do Goberno galego destacou o crecemento desta empresa familiar creada hai preto de sete décadas, sendo hoxe o primeiro fabricante de España e o segundo de Europa. Ademais, destacou o seu respecto e compromiso coa orixe que combina coa súa capacidade de expansión –conta con 26 empresas en distintos puntos de Portugal, Italia, Chile, Brasil e Guatemala–. “Unha das características que existen en Galicia son esas empresas familiares potentes que traballan en todo o mundo, que son referentes a nivel mundial, como esta no seu sector, pero que non perden a esencia”, asegurou.


