— Máis de 2.600 alumnos participarán na cuarta edición do ‘Modo Galego, Actívao!’
— O secretario xeral da Lingua destaca a importancia “de implicar ás xeracións máis novas no compromiso co prestixio do noso idioma e a nosa cultura”
— O proxecto pretende explorar novas maneiras de dinamizar a lingua entre a mocidade e avaliar os seus resultados
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, gabou “as iniciativas que achegan o galego aos espazos de socialización dos centros educativos e á nosa xuventude, que son o futuro e presente de Galicia”. Fíxoo hoxe na presentación da cuarta edición do programa de dinamización lingüística Modo Galego, Actívao! no colexio de Ventín en Ames, un dos participantes neste programa.
Así, nesta convocatoria da proposta, que desenvolven a Real Academia Galega e o concello de Ames coa colaboración da Xunta de Galicia, participan todos os centros educativos de infantil, primaria e secundaria de Ames, as dúas escolas infantís municipais, os servizos complementarios de educación municipais e as escolas deportivas municipais.
Neste senso, o responsable autonómico de Lingua destacou a importancia “de implicar as xeracións máis novas no noso compromiso co prestixio do noso idioma e a nosa cultura”, facendo fincapé na participación dos máis de 2.600 alumnos e alumnas coas súas correspondentes familias, así como dos case 300 docentes e persoal de administración e servizos.
Cómpre destacar que o programa únese a outras propostas enfocadas nos máis pequenos e impulsadas a través do paquete de medidas da Xunta, que tamén teñen como escenario os centros escolares, como o 21 días co galego e +, o Falamos + e as distintas iniciativas como os contidos audiovisuais a través da plataforma Xabarín.gal. A isto súmanselle grupos de conversa para a mocidade ou cursos específicos para persoas non nacidas en Galicia.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.