Nos vindeiros días o inmoble, cuxos propietarios desatenderon reiteradamente as súas obrigas de conservación, cambiará de mans despois de que un particular ofrecese 141.000 euros
O primeiro edificio que formou parte do Plan de ruínas posto en marcha polo Goberno de Inés Rey terá novo propietario nos vindeiros días. O inmoble forma parte dun programa pioneiro en Galicia de poxas forzosas, que ten como obxectivo rehabilitar o espazo urbano nos casos nos que, durante anos, as persoas propietarias de inmobles en situación de ruína desatendesen os reiterados requirimentos de conservación.
A Mesa de contratación reuniuse hoxe para establecer a poxa gañadora polo edificio da rúa Damas número 3. O inmoble, en estado ruinoso dende hai anos, pasará así mediante unha poxa forzosa a unha nova persoa propietaria. Foron tres as ofertas presentadas, cun prezo de saída para a propiedade de 110.884 euros. A mesa propuxo a adxudicación do inmoble a catro particulares representados por Jorge Vázquez Couto, por ser a oferta máis alta presentada, 141.321 euros. O gañador da poxa deberá formalizar os trámites precisos para facer efectiva a compra nos vindeiros días.
O novidoso sistema do Plan de ruínas permite que o Concello saque a poxa un inmoble cando a propiedade non actúe sobr el. A cantidade recadada seralle entregada ao titular actual. Quen resulte adxudicatario da poxa deberá acometer de xeito inmediato, tal e como especifican os pregos, obras de estabilización da fachada. Ademais, desde a sinatura da compra terá tres meses de prazo para presentar un proxecto de reforma para o edificio. Os pregos establecen tamén un prazo de nove meses para que a nova propiedade comece as obras de rehabilitación.
“Trátase de conseguir que a cidade non teña que padecer nas súas rúas a falta de responsabilidade de quen ten un inmoble e non acomete as actuacións de mantemento e conservación obrigatorias para garantir a seguridade e a salubridade na vía pública”, indica a alcaldesa, Inés Rey.
O Plan de Ruínas xa permitiu que outros inmobles na rúa Orzán cambiasen de mans nos últimos meses e que se presentasen proxectos para a súa restauración. A intención do Goberno municipal é a de seguir aplicando o sistema para evitar espazos degradados na urbe e para contribuír tamén a aumentar a bolsa de vivenda dispoñible.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.