As ofertas poden presentarse ata o 19 de xaneiro
O Concello de Ribeira inicia o 2026 en materia de contratacións sacando a licitación a redacción do proxecto de musealización da edificación anexa á nave de Cerqueira; “un dos condicionantes para seguir avanzando na adquisición da fábrica de conservas”, tal e como indica a alcaldesa, María Sampedro.
O proxecto contempla a conversión do inmoble industrial nun equipamento cultural visitable, sen perder o seu carácter produtivo e
marítimo. Trátase de patrimonio industrial, polo que a proposta deberá equilibrar a conservación, a historia a transmitir aos visitantes, a seguridade, a experiencia e a viabilidade. Se ben se deben definir, por exemplo, os espazos expositivos, a zona de interpretación sensorial ou os espazos audiovisuais, a intervención arquitectónica deberá manter a lectura industrial e interferir o mínimo e reversible en elementos como as pasarelas ou as vitrinas.
Ademais, será preciso definir un plan director para expoñer a transición temporal dende a salgadura á conserva industrial, abordando tamén o proceso de transición dun modelo de produción a outro.
O orzamento da licitación é de 11.495 euros, IVE incluído, que se financiará a través dun convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Ribeira para a execución Plan de Sustentabilidade Turística no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado cos fondos europeos Next Generation.
Trátase dun contrato menor dirixido a empresas invitadas que poden presentar as súas ofertas ata as 23.59 horas do 19 de xaneiro a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX). O prazo máximo para a presentación do proxecto será de dous meses dende o día seguinte ao da adxudicación.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.