Estará no Pavillón de España na mostra máis importante do mundo
O Concello de Riveira informa de que o proxecto de remodelación do miradoiro de Pedra da Ra acometido recentemente no noso municipio foi seleccionado para formar parte do Pavillón de España na XV Bienal de Venecia de Arquitectura, considerada polo sector como a mostra máis importante do mundo, que se celebrará na cidade italiana entre o 28 de maio e o 27 de novembro de 2016.
En total, un total de 55 obras Arquitectónicas foron seleccionadas pola organización para formar parte do pavillón de España, distribuídas en nove categorías: Consolidate, Reapropiation, Adaptable, Infill, Naked, Perching, Reassignments, Guides e Pavements. A actuación riveirense estará presente na categoría Pavements.
Só catro son galegas: ademais do miradoiro de Pedra da Ra, cuxa remodelación leva a firma do arquitecto compostelán Carlos Seoane, tamén participarán na cita veneciana os proxectos correspondentes ao Museo das Peregrinacións (de Manuel Gallego Jorreto), Casa en Tebra (de Guadalupe Piñera Manso e Jesús Irisarri Castro) e a remodelación do porto de Malpica (de Juan Creus Andrade e Covadonga Carrasco López).
Os interesados en consultar o listado completo poden acceder ao mesmo neste link:
http://www.edgargonzalez.com/2016/04/11/contenidos-unfinished-lista-oficial-del-pabellon-espanol/
Cómpre lembrar que a actuación de remodelación foi un proxecto cofinanciado con fondos Feader xestionados pola asociación Deloa que supuxo recuperación do entorno da Pedra da Ra, demolendo a escalinata existente e acondicionando a área de actuación a través da disposición de distintos puntos de observación para ofrecer aos usuarios distintas opcións e perspectivas para o disfrute da paisaxe.
Foron empregados distintos tipos de pavimento de pedra natural do país con diferentes densidades, así como outros elementos como varandas tipo inox, varandas de barras, muros de granito, bancos de pedra ou alcorques de ferro forxado.