Friday 09 de January de 2026

A Coruña recibe por primeira vez á Selección Española Absoluta Feminina de Hockey Sala na súa preparación para o Europeo


A alcaldesa, Inés Rey, destaca o valor de achegar a alta competición ao deporte base e o compromiso da cidade coa promoción do deporte feminino

O Palacio Municipal de María Pita acolleu este xoves a recepción oficial á Selección Española Absoluta Feminina de Hockey Sala, que se atopa estes días na cidade participando na Redsticks Galicia Indoor Hockey Camp, unha cita internacional que serve como preparación para o Campionato de Europa de seleccións, que se disputará en Praga do 15 ao 18 de xaneiro.

Trátase da primeira vez que a selección española feminina de hockey sala visita A Coruña, nunha estadía que se desenvolve entre o 6 e o 11 de xaneiro e que combina adestramentos, sesións de ximnasio, partidos de preparación contra clubs locais e actividades de contacto co deporte base. A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor durante o acto que a cidade “forme parte dun proceso de preparación ao máis alto nivel, conectando a elite deportiva coa vida deportiva da Coruña e cos seus clubs”, subliñando ademais que “ver de preto como traballa e compite un equipo coma este é unha oportunidade moi importante para quen está empezando”.

Rey destacou tamén o papel da cidade como sede de eventos deportivos de primeiro nivel grazas ao traballo conxunto entre federacións, institucións e universidade, incidindo en que “A Coruña segue a avanzar como unha cidade comprometida co deporte feminino e coa
creación de referentes que amplían horizontes e expectativas para moitas rapazas que veñen detrás”, dixo.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, salientou que esta concentración “reflicte o bo momento que vive o hockey sala na cidade e en Galicia, cunha base sólida de clubs, canteira e instalacións que permiten acoller citas deste nivel”, e engadiu que “desde o Goberno Municipal continúase traballando para apoiar aos clubs e facilitar que o deporte de base e a alta competición vaian da man”.

No acto participou tamén o presidente da Federación Galega de Hockey e vicepresidente da Federación Española, Roberto Baratta, xunto co corpo técnico e as xogadoras da selección, que ao remate fixeron entrega á alcaldesa dunha camiseta e dunha placa conmemorativa da visita.

Unha semana de deporte de alto nivel na cidade

A presenza da selección española coincide coa celebración en A Coruña do Campionato Galego Sénior de Hockey Sala masculino e feminino, que reúne aos mellores equipos da comunidade e se desenvolve en distintas instalacións da cidade, como o Polideportivo Universitario de Elviña, o Municipal de Novo Mesoiro e o Municipal do Ventorrillo.

Ademais, no marco da Redsticks Galicia Indoor Hockey Camp, o Polideportivo Universitario da UDC en Elviña acolle adestramentos con portas abertas, un clinic para os máis pequenos e partidos da selección española feminina fronte a clubs da cidade, reforzando así a promoción do hockey sala e o contacto directo entre a elite deportiva e o deporte base.

Deja un comentario