Friday 09 de January de 2026

O polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra de Lousame acolle un novo mural de temática ambiental elaborado polo voluntariado local


Realizado a través dun obradoiro de pintura mural dirixido por Vella Escola Cultura Urbana

 

Un grupo de mozas e mozos da Rede de Voluntariado de Lousame veñen de elaborar un mural con temática ambiental e deportiva na parede principal do polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra”. Unha iniciativa realizada a través dun obradoiro de pintura mural organizado por Vella Escola Cultura Urbana e o Concello de Lousame, que conta coa financiación da Deputación Provincial da Coruña.

 

A rapazada participou no deseño e execución do mural, para o que escolleron unha temática ambiental e deportiva, mesturando unhas viñas coa frase “Trail de Lousame”. Os seis mozos e mozas que participaron no pintado do mural estiveron toda unha mañá traballando xunto á monitora de Vella Escola Cultura Urbana, quen se encargou de perfilar o debuxo e de darlle o acabado final horas despois.

 

A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, visitou a iniciativa xunto ao concelleiro de Protección Civil, José Antonio Ces; e a concelleira de Deportes, Mariel Agrafojo. Todos eles felicitaron á rapazada polo seu traballo e destacaron a calidade do resultado final, que dende agora poden desfrutar todas as persoas usuarias do polideportivo municipal de Lousame.

Deja un comentario