Friday 22 de November de 2024

Abel Barros e Esther Pedrosa gañan a II Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra”, que reuniu 441 corredores


O I Mercado Labrego e Artesán de Lousame foi un éxito de público e de vendas

Os atletas Abel Barros González, do Atletismo +9 Moraña, e Esther Pedrosa, foron os gañadores da II Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra”, disputada esta mañá polas rúas de Lousame e na que tomaron parte 441 corredores nas súas distintas categorías. O tempo acompañou, o que fixo que centos de veciños se achegaran tanto a Portobravo, saída e meta da proba, como ata os distintos puntos por onde transcorría a carreira para animar aos atletas. Abel Barros e Esther Pedrosa suceden a Víctor Riobó e María Jesús Gestido, gañadores da primeira edición e ausentes este domingo.

A proba comezou cun sentido minuto de silencia na memoria dun corredor do Fontes do Sar-Santiago, falecido esta mesma semana e que tiña previsto participar hoxe na proba. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e Pilar Barreiro Senra entregáronlles unha camiseta conmemorativa da proba na honra do compañeiro falecido.

Carreira

Abel Barros dominou os 10 quilómetros da proba de principio a fin, logrando unha marca de 34 minutos e 33 segundos, cunha cómoda vantaxe de 17 segundos sobre o segundo clasificado: o lalinense José Canda Louzao (C.A. Acervañán). Completou o pódio da categoría absoluta Manuel Vieites Carballo, do Clube Atletismo Cuntis, cun tempo de 34 minutos e 57 segundos.

Na proba feminina, a gañadora foi Esther Pedrosa, que entrou no posto número 31 da carreira cun tempo de 39 minutos e 50 segundos. Unha vitoria que foi moi celebrada pola súa amiga e madriña da proba, Pilar Barreiro, sobre todo porque tivo lugar despois dunha épica remontada de Pedrosa, que rematou impoñéndose a María Martínez González (Atletismo Porriño), que entrou en segundo lugar cun tempo de 40 minutos e 57 segundos despois de encabezar a proba feminina durante gran parte da proba. Completou o podio unha atleta local, María González Martínez, que entrou no posto 64 cun tempo de 42 minutos e 2 segundos.

Os gañadores recibiron os premios da man da alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; a concelleira de Deportes, María Reguenjo; a madriña da proba, Pilar Barreiro Senra; e o presidente do Club Atletismo de Lousame, José Manuel Baña. Teresa Villaverde agradeceu a gran participación no que definiu como “un exemplo de deporte e de saúde, no que ademais aproveitamos para promover os nosos produtos do campo e artesáns a través do primeiro Mercado Labrego e Artesán de Lousame”. Villaverde tamén agradeceu o apoio dos distintos patrocinadores da proba e, en especial, á iniciativa “Galega 100%”, que distribuíu leite galego e información sobre as vantaxes do noso leite entre todos os corredores. “É a mellor forma de apoiar aos nosos gandeiros e promover o noso”, destacou Villaverde Pais, quen adiantou que “para o ano imos ter unha sorpresa: a participación como corredora da nosa madriña Pilar Barreiro Senra”.

Pola súa banda, Pilar Barreiro agradeceu tanto ao Concello de Lousame como ás ducias de voluntarios presentes a súa colaboración para facer realidade “unha carreira que parece que vai a máis, pois hoxe contamos con moitas máis persoas disfrutando do deporte”, aínda que recoñeceu que “teremos que facer algo cun repechiño que hai na proba que parece que custa máis do que parece”.

A II Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra” foi organizada polo Concello de Lousame e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña; así como co patrocinio de Autos Patiño e Plus Ultra Seguros. Resultados e clasificacións: http://emesports.es/event/ii-carreira-popular-pilar-barreiro-senra-lousame-2016/

I Mercado Labrego e Artesán

Os que tampouco pararon en toda a mañá foron a vintena de participantes na primeira edición do Mercado Labrego e Artesán de Lousame, celebrado nunha carpa anexa na Praza do Concello. O mercado reuniu unha gran variedade de postos de Lousame, Noia, Negreira… no que se podían adquirir e degustar produtos do sector primario de toda a comarca: froitas, hortalizas, marmeladas, conservas, doces, zumes, elaborados lácteos, empanadas, bolos preñados, orellas, filloas… que estiveron especialmente reclamadas polos atletas unha vez rematada a proba e tras o avituallamento de bebida e froita preparado polo Concello.

Canda eles houbo postos con artesanía, tanto con utensilios funcionais para tarefas domésticas e agrarias como artigos decorativos, elaborados con materias como o coiro, a madeira, o vimbio ou a la. Non faltaron actuacións musicais en directo, tanto da man dun grupo folk como da zanfoña dun cantar de cego, xa que moitos dos asistentes ían caracterizados de época. Tamén houbo demostracións en directo de labores artesáns, como o traballo do coiro e da la, así como obradoiros participativos para os máis pequenos, como un taller de modelado en barro.

A alcaldesa de Lousame amosouse moi satisfeita tanto pola boa acollida de público que tivo a iniciativa como polo nivel de vendas que acadaron os presentes, “o que demostra o gran potencial socioeconómico dun municipio rural como este, tanto nos ámbitos do agro ou a gandería como no do forestal, e de seguro paliará esa falta de autoestima que ás veces percibimos sobre este tipo de actividades”.