Friday 09 de January de 2026

O calendario municipal de 2026 convida a camiñar con frases reflexivas e fotos da paisaxe peonil de Oleiros


Camiñar. Algo tan sinxelo como determinante na vida das persoas. Unha actividade que vai desde o relax ou o exercicio físico á mobilidade cotián ou a contaminación urbana por fumes ou ruídos. O dilema que ás veces temos entre ir a pé (ou en bici) ou a motor, sempre que sexa posible, debemos resolver camiñando.

Unha parte da enorme infraestrutura peonil de Oleiros protagoniza o calendario municipal de 2026, unha publicación que se está a repartir en todos os domicilios xunto cun novo número do xornal Vivir en Oleiros. Un elemento que acompañará os 12 meses do ano con fotografías, citas e reflexións arredor deste xenuíno modo de desprazarse para chegar a un destino, para pasear, para reatoparse cunha mesma ou para xogar e gozar do tempo libre.

O parque da Lagoa de Mera abre a publicación, que viaxa ao parque Santiago Carrillo da Pezoca en xaneiro, coa cita de Jonh Ruskin, un escritor socialista cristián inglés do século XIX, sobre o engaiolante que é o pracer dun paseo sosegado. Alguén que camiña á beira do mar en Santa Ana, cos faros de Mera ao fondo, protagoniza un febreiro no que o decimonónico poeta británico Alfred Tennyson reflexiona sobre o camiño da vida nunha preciosa cita: “Eu son unha parte” de todo o que nel atopei.

Unha espectacular árbore da finca Tenreiro de Nós ao pé dunha senda, acompaña unha frase moi significativa sobre a importancia da infraestrutura peonil pronunciada polo sociólogo americano William Holly Whyte, autor de “A vida social dos pequenos espazos urbanos”: a xente tende a camiñar se dispón de lugares axeitados para iso.

As sendas do parque das Trece Rosas protagoniza abril cunha frase do escritor alemán Hermann Hesse sobre a relación que hai entre as sendas e a vida das persoas. Maio dá para unha breve reflexión nacida da cultura popular, sobre a velocidade lenta cando o obxectivo é ambicioso, sobre unha imaxe do parque Rosalía Mera de Dorneda.

Xuño saúda cunha fotografía do concorrido paseo da ría, en Perillo, á que acompaña unha cita do que se considera o urbanista máis activo da humanización das cidades contemporáneas, Jan Gehl, sobre a importancia da mobilidade natural —camiñar e moverse en bici— e a sustentabilidade urbana.

A senda do Rego de San Pedro, que transcorre por Iñás e Nós paralela á N6, destinada en exclusiva á mobilidade ciclista e peonil, serve para unha reflexión minimalista sobre o tropezo como mecanismo de aprendizaxe. Bastiagueiro en marea baixa cheo de xente camiñando pola beira serve de marco a unha cita doutro clásico da mobilidade contemporánea, Colin Buchanan, un enxeñeiro inglés que teorizou sobre a calidade ambiental das rúas, falando da liberdade humana e a “calidade civilizada” dunha área urbana.

Un intimista recuncho do xardín romántico de Montrove, nas ruínas do Pazo Ibarrola, acompáñase dunha reflexión anónima sobre a importancia dos sentidos e o coñecemento, que tenden a reforzarse cando se camiña. É a folla de setembro. Outubro viaxa á fronte marítima e Parque Luís Seoane de Santa Cruz, co Castelo de fondo e unha frase de Eduardo Galeano regresando á importancia de caer cando se camiña, para retomar a rúa deseguido.

A Marola, o mar Ártabro, o horizonte e o cantil do Monumento Natural de Serantes e Dexo mostra en novembro unha senda natural daquel espazo, polo que camiñan unha chea de persoas nunha ruta organizada, coas súas roupas de cores e unha frase que serve para pensar no paso tempo.

Xa por último, decembro recala no parque de Bastiagueiro co que seguramente é a frase máis coñecida da poesía de Antonio Machado: o andar fai o camiño.

Deja un comentario