Este proxecto educativo e solidario reunirá a 630 músicos no Coliseum este domingo 11
Este xoves, 8 de xaneiro, ás 11.00 horas, iniciarase o reparto de convites para o concerto educativo e solidario Chorus, que se celebrará o domingo 11 de xaneiro a partir das 19.00 horas no Coliseum da Coruña. Este Concerto pola Paz está organizado polo Concello e contará coa participación de máis de 630 músicos, cantantes, estudantes e profesores/as.
“O concerto Chorus será un acontecemento único na cidade, froito do traballo organizativo que levamos a cabo desde o Goberno de Inés Rey, implicando a diferentes agrupacións e centros educativos cun fin solidario”, indicou Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica. Os convites poderanse adquirir a partir deste xoves ás 11.00 horas a través da plataforma Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense. Serán gratuítos e repartiranse un máximo de dous por persoa.
Esta iniciativa inclúe a participación de centos de alumnos e profesores de música, ademais de agrupacións instrumentais de altísimo nivel como a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Joven, o Coro Joven da OSG, o Coro Infantil do Conservatorio Profesional, o Coro MiniGaos, o Coro Gaos Novo e o Coro Gaos. Ademais, a cita será a primeira colaboración pública de gran calado das dúas formacións orquestrais da OSG no ano que comeza.
Súmanse a este traballo coral e orquestral distintos e recoñecidos cantantes que queren agradecer o esforzo e o compromiso dos escolares coruñeses no seu canto pola Paz como Rosa Cedrón, Carolina Rubirosa, Gandy, Carlos Tojeiro, Eva B e Tinho. O concerto inclúe a recollida solidaria de material escolar, nas portas de acceso ao Coliseum, para a “Escola Coruña” de Senegal: lapis, gomas de borrar, afialapis, libretas, lapis de cores, regras, escuadras e cartabóns, coordinada por Ecodesarrollo Gaia.
O repertorio que se interpretará contará con pezas de películas de Disney (Hércules, 101 Dálmatas, Toy Story, O Rei León, Frozen…), e The Greatest Showman, así como versións de cancións de artistas internacionais como Michael Jackson, Lionel Ritchie ou Coldplay.
O proxecto Chorus conta coa colaboración de diferentes entidades e empresas coruñesas, como Marineda City, Gadisa, Bonilla e Cabreiroá, que apoian á produción e colaboran coa atención aos artistas e escolares participantes na función.

Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.