Os Reis Magos non quixeron marchar de Carballo sen deixar un agasallo para os usuarios e usuarias das nosas bibliotecas. A partir de agora, ademais de gozar do pracer da lectura cos milleiros de libros que enchen os estantes, tamén poderán levar en préstamo catro dispositivos de lectura electrónica!
Melchor, Gaspar e Baltasar contaron coa colaboración dos departamentos de TICs e de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística para escollelos, e optaron polo modelo Kobo Libra Color, que ofrecen, entre outras prestacións, pantalla anti-reflexos de 7’’, permiten facer anotacións e tomar notas en cor, teñen un deseño ergonómico con botóns de paso de páxina, son resistentes á auga, están fabricados con plástico reciclado procedente dos océanos e ademais permiten escoitar audiolibros.
E, ademais de todo iso, estes catro dispositivos permitirán aos nosos usuarios e usuarias acceder aos libros en dixital a través de varias plataformas, entre elas Galiciale, da Rede de Bibliotecas de Galicia, ou Ebibliodacoruna, da Deputación da Coruña.
Toma nota das normas de préstamo e achégate ás nosas bibliotecas!
1. A persoa usuaria solicitará o lector de libros electrónicos no mostrador de préstamo. Será imprescindible presentar o carné da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia (carné de persoa adulta), documento acreditativo de identidade e o documento de aceptación das condicións de uso debidamente cuberto e asinado.
2. préstamo realizarase por un período de 30 días non renovables. Admítense reservas (a listaxe estará dispoñible no mostrador).
3. A persoa usuaria é responsable do dispositivo e de todos os seus accesorios mentres os teña en préstamo e terá que devolvelos nas mesmas condicións nas que os levou. Se a usuaria observase calquera anomalía no funcionamento do lector, comunicarallo inmediatamente ao persoal da biblioteca pública municipal.
4. A usuaria comprométese a respectar en todo momento a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual. Todos os datos almacenados pola usuaria no lector durante o período de préstamo serán eliminados no momento da súa devolución, polo que a biblioteca non se fai responsable da perda de información que puidese producirse.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.